Nin Carolina Iglesias nin as Tanxugueiras foron suficientes para que Brión gañase a Yepes no Grand Prix

Foi, tal e como recoñeceu o propio Ramón García, un dos programas máis axustados, decidíndose todo na proba final e na última pregunta. O pobo galego mantivo moi ben o tipo e deunos unha noite de moitas risas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 01/08/2023 | Actualizada ás 02:05

Comparte esta noticia

Chegou o día e Brión deu todo o que podía e máis no novo Grand Prix do verán. Con todo, 'alerta spoiler': non foi suficiente para gañar. Parecía que si ata que a última proba decantou o resultado final cara o seu competidor, o pobo manchego de Yepes. Polo momento, dos catro municipios participantes, con un resultado global de 23 puntos, sitúase na terceira posición, por detrás de Yepes (29), Alfacar (27) e por diante de Colmenarejo (19).

A vaquilla do novo Grand Prix
A vaquilla do novo Grand Prix | Fonte: RTVE

Nin a súa madriña, a cómica Carolina Iglesias, máis coñecida como 'Percebes e grelos', que estivo inmensa en todas as probas, nin a presencia nas gradas das mesmísimas Tanxugueiras, que aseguraron que cancelaron ata concertos para poder asistir ao programa a animar a Brión, foron suficientes para gañar. O que si se gañou foi en risas, en moitas risas. Xa non só polas probas, senón polos propios veciños, que deixaron momentos para o recordo.

Carolina Iglesias, que deu o pregón das festas da Coruña o pasado ano, foi quen de pór a todo o público de Brión a cantar 'A Rianxeira', e é que como ela mesma dixo: "Verán e Galicia están xuntos, e as verbenas van da man". Logo non había quen parase aos brioneses unha vez se arrancaron a cantar. Tamén foi a madriña a encargada de recitar un anaco do 'conxuro' de San Xoán.

No vídeo de presentación déronse a coñecer perfís moi diferentes: dende José Antonio, obreiro e trepador por natureza ao que apodan como o 'koala galego' ata Nerea, investigadora biomédica que aseguraba ter atopado a fórmula segreda para gañar o Grand Prix, pasando polo capitán Jose, que nunha escola hípica da zona falaba do lado máis salvaxe do seu pobo. Todo un espectáculo.

BEBÉS, ABELLAS E DRAGÓNS REMATAN EN EMPATE

Brión na proba dos 'Superbolos'
Brión na proba dos 'Superbolos' | Fonte: RTVE

A primeira proba non puido comezar mellor para Brión: 'gaivotas malotas'. E é que como xa dicía Goyo Jiménez, padriño de Yepes: "Os galegos están máis acostumados ás gaivotas, os manchegos son máis de corvos". Con dous minutos e medio para cruzar todos os bocadillos posibles a través dun 'pirulí' mollado mentres esquivaban gaivotas voadoras (os concursantes do outro equipo), Brión logrou impedir que pasasen os de Yepes.

A primeira rapaza que facía de gaivota luciuse e non deixou que cruzase nin o primeiro, fose rápido ou despacio. Despois, cando se invertiron os papeles, un dos rapaces que competía por Brión logrou pasar co bocadillo agochándose para que as gaivotas non lle chegasen e así non llo puidesen quitar. Só cruzou el, pero foi suficiente para gañar catro puntos, fronte aos dous que se levou Yepes, ademais de dous comodíns fronte a un. 

A segundo proba chamábase 'A gardería', e nun minuto e medio os concursantes disfrazados de bebés tiñan que recuperar varios obxectos con diferentes puntuacións subindo por unha rampa mentres outros os molestaban tirándolles cousas dende arriba. Aquí Yepes hai que recoñecer que o fixo moito mellor, rematando as dúas rondas conseguindo todos os obxectos cando aínda quedaban 40 segundos para que soase a bocina final. Así o marcador global empatábase 6 a 6.

A terceira proba foi outra estrea: 'Abellas ao tolo', na que os concursantes vestidos coma abellas debían usar o seu pincho para explotar primeiro uns globos xigantes, logo uns globos de auga saltando sobre unha pelota e, finalmente, un no aire sendo lanzados contra el. Brión arrancou primeiro, pero os globos acuáticos pasaron factura. Sen embargo logrou saír da estancada e explotar o globo final. Mais, desafortunadamente, na segunda ronda e a pesares de que Brión chegou con ventaxa ao globo voador, Yepes acertou á primeira e levouse a vitoria. Así, houbo de novo empate técnico e o marcador global púxose 9 a 9.

O cuarto concurso era 'O xogo de dragóns' e nel, en dous minutos e medio, un cabaleiro tiña que enganchar unha anilla coa súa lanza, sortear plataformas xiratorias e esquivar a un dragón subindo por unha rampa ata tomar posesión do trono, todo sen ser cazado polo xogador do equipo contrario. Neste caso Brión usou o comodín para estorbar aínda máis a Yepes. Pero nin Yepes deu pillado a Brión, nin Brión a Yepes, así que... a pesares dos esforzos, tres puntos para cada un e empate novamente 12 a 12.

ADIÁNTASE YEPES COA PATATA QUENTE, PERO PRONTO VOLVE O EMPATE

As cousas puxéronse tensas cando chegou a quinta proba, a famosa 'Patata quente', moi mítica: enúnciase unha pregunta numérica e a resposta ten que ser o número exacto, acotándose pouco a pouco. Yepes parecía que ía patinar xa á primeira, pois Goyo bloqueouse, pero finalmente conseguiu desatascarse antes de explotar o globo, e pasoullo a Carolina cando o presentador lle ía enunciar a pregunta, que nin puido escoitar co estalido. Segunda pregunta e Yepes acerta pasando a patata quente ao alcalde de Brión, que tiña que respostar o 'número do gordo da lotaría nacional de Nadal do 2022'. Non o consegue, era o 5.490, así que Yepes gaña dous puntos e ponse por diante 14 a 12.

A sexta proba, tamén de nova creación, foi 'Tiro ao pingüipato', na que lle daban dous minutos e medio aos concursantes para cruzar unha cinta en sentido contrario mentres o outro pobo trataba de derribalos lanzándolles bolas xigantes. O segundo participante de Brión consegue pasar, mentres o cuarto e o quinto son devoltos cara atrás pola cinta e o sétimo perde ata o zapato. O oitavo logra pasar. Ao final consígueno catro. Pola súa banda, Yepes só logra que pasen dous, polo que son catro puntos para Brión e dous para Yepes, empatando de novo o marcador global 16 a 16.

Xa na sétima proba, 'Alicia no país das caidillas', Brión logra poñerse por diante. En dous minutos e medio logran manter en baldes máis bolas que Yepes a pesares de ter que sortear varios engranaxes xiratorios. En total o pobo galego logra levar 29 bolas, coa marabillosa estratexia dun concursante que opta por sortear os xiros saltando; e Yepes só 10. O marcador global ponse 18 a 20, gañando Brión. "Brión ten altura, pero Yepes é chan, a máxima altura que teñen que subir é o bordillo da beirarrúa", bromea Goyo.

BRIÓN SACA GRAN VANTAXE, MAIS... QUEN RÍ ÚLTIMO, RÍ MELLOR

Oitava proba, os míticos 'Troncos tolos', xa usados tamén no anterior programa. O obxectivo é tan sinxelo (e á vez complicado) como cruzar o maior número de salmóns posible ao outro lado pasando polos troncos sen caer á piscina, todo nun minuto e medio. Yepes comeza e logrando que os seus catro primeiros concursantes pasen salmóns parece que se convirte nun contrincante difícil. Pero en Galicia sabemos moito de peixe e facémolo notar: pasan seis seguidos de Brión e logo parece que xa lle collen o truco, chegando a pasar outros cinco, ata un total de 11. O marcador global ascende para Brión e ponse 20 a 24 puntos.

A penúltima proba, 'Superbolos', tamén era xa coñecida: un concursante con ollos tapados ten que derribar o maior número de participantes disfrazados de bolos posibles do outro equipo (o dourado vale dobre). Comeza Yepes e tira o bolo dourado de Brión, aínda que logo só consegue derribar outro, o resto son quen de manterse firmes a pesares de que os impactos da bola son fortes. E logo chega o turno de Brión, da man do seu capitán, que tira con tanta forza que é imposible parar o golpe. Cae o dourado, cae un normal, outro e outro... Catro. Así Brión segue por diante, con 26 puntos fronte a 20.

Mais todo se torce no último xogo, onde as preguntas suman ou restan tres puntos, dependendo de se se acertan ou non. 'O dicionario' obriga a dicir se unha palabra e a súa definición son correctas segundo o dicionario da RAE ou, pola contra, non existen. Yepes acerta a primeira e ponse con 23 puntos. Mentres, Brión perde a segunda e baixa tamén a 23. Novo empate técnico. A segunda para Yepes convírtese tamén en acerto e sube a 26. Para Brión a segunda tamén é acerto e sube a 26. Seguimos en empate. Pero a terceira para Yepes é acerto e para Brión non, así que... 23 a 29 é o resultado final do programa. Brión, lamentablemente, perde.

Proba dos 'Troncos tolos' no Grand Prix
Proba dos 'Troncos tolos' no Grand Prix | Fonte: RTVE
Á esquerda, o alcalde e a madriña de Brión no Grand Prix
Á esquerda, o alcalde e a madriña de Brión no Grand Prix | Fonte: RTVE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta