O PSOE de Ourense homenaxea a Manuel Suárez Castro, primeiro alcalde socialista da cidade fusilado hai 86 anos

Manuel Suárez Castro, 'Manoliño', foi asasinado na madrugada do 28 de xullo de 1937.

Por E.P. | OURENSE | 26/07/2023 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense organiza este xoves, día 27 de xullo, unha homenaxe ao alcalde Manuel Suárez Castro con motivo do 86 aniversario do seu asasinato a mans das tropas franquistas.

A coordinación do acto, que terá lugar ás 20,00 horas aos pés da igrexa Santa María Nai, correrá a cargo de Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica e Dereitos Humanos do PSOE de Ourense.

Ademais, na cita intervirán a secretaria xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense, Alba Iglesias García; o secretario comarcal de UGT Ourense, Cristóbal Madeiros; a secretaria xeral da Agrupación Municipal, Natalia González; e o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, así como representantes da familia da vítima. O acto será pechado polo xefe de filas do PSdeG, Valentín González Formoso.

Manuel Suárez Castro, 'Manoliño', foi asasinado na madrugada do 28 de xullo de 1937. Impulsor da modernización de Ourense nos anos 30, presidente da agrupación local do PSOE, vicepresidente da Deputación, cofundador da Caixa de Aforros Provincial e canteiro de profesión.

No ano 2009, a proposta do último goberno socialista na cidade, Manuel Suárez Castro recibiu o recoñecemento da sociedade ourensá e o Concello coa entrega da Medalla de Ouro de Ourense e da designación da Escola de Artes Escénicas situada no Complexo Cultural de San Francisco co seu nome.

Respecto disto último e a pesar de aprobarse por unanimidade, Xosé Lois Carrión lembrou que, "a día de hoxe", na denominación oficial do centro non consta en ningún lugar o seu nome e, ademais, hai uns anos desapareceu a placa que informaba desta circunstancia.

Por iso, no próximo pleno municipal o PSOE preguntará pola reposición da devandita placa e solicitará que se anada a Manuel Suárez Castro á Escola de Artes Teatrais e Escénicas de Ourense en todo tipode información.

Ademais, os socialistas lembran que, en setembro de 2022 e a proposta do Grupo Socialista, a corporación aprobou por unanimidade que a rúa Baixada-Tras Alameda --que une a vía desde a Ponte das Burgas ao cruzamento das rúas Doutor Fleming / Parada Justel-- fose denominada co nome do último alcalde republicano da cidade.

"Hai practicamente un ano de dito acordo municipal, pero a día de hoxe non consta na rúa ningunha placa que indique tal denominación", denunciou o secretario de Memoria Histórica.

O PSOE homenaxea ao Manuel Suárez Castro, primeiro alcalde socialista de Ourense, 86 anos despois do seu fusilamento. PSDEG
O PSOE homenaxea ao Manuel Suárez Castro, primeiro alcalde socialista de Ourense, 86 anos despois do seu fusilamento. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta