Pedro Puy: "Hai un intento evidente de desprestixio do noso candidato"

Pedro Puy Fraga, até o de agora portavoz parlamentario do Grupo Popular, deixa o seu posto para ir na lista electoral do PP de Pontevedra. Nesta X lexislatura veu a cuarta maioría absoluta de Feijóo para a Xunta de Galicia e tamén como o mesmo candidato ía para Madrid como presidente do PP. Agora é chamado polo mesmo Feijóo que quere levar a todo o equipo de confianza que tiña en Galicia para a capital do Estado de cara o 23X.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/07/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como leva estes últimos días de campaña? Sufriu algunha doenza física como o señor Feijóo co seu ataque de lumbalxia?

O portavoz do PPdeG, Pedro Puy. ÁLVARO BALLESTEROS
O portavoz do PPdeG, Pedro Puy. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: EUROPA PRESS

De momento imos aguantando, así pois, creo que aínda estou en forma a pesar da tolemia que son os últimos días de campaña.

-Vostede vai nas listas ao Congreso por Pontevedra, polo que é posible a súa marcha a Madrid. Quen pode levar agora a portavocía do PPdeG no Parlamento?
A min gústame ser respectuoso con ese asunto. Efectivamente, deixarei o meu posto de deputado no Parlamento para ocupar o meu escano no Congreso se acaso conto coa confianza dos meus electores da circunscripción de Pontevedra. Por outra parte, esa decisión corresponde a quen queda aquí, ao presidente e o grupo. O presidente do grupo parlamentario máis os deputados deciden quen deberá levar adiante a portavocía.

-De onde parte a súa decisión de ir a Madrid?
Simplemente, porque nesta fase da política española quen ocupa a dirección do PP en España e con quen colaborei durante anos, pediume a incorporación ás listas. Despois de consultalo tanto no ámbito persoal coma político, tomei a decisión de unirme á candidatura do PP por Pontevedra.

-As viaxes de Madrid a Galicia e viceversa non lle van dar máis dunha dor de cabeza?
Actualmente xa hai moito traballo e moito desprazamento cando un ocupa un posto que ten relevancia autonómica en Galicia e desde logo, estamos para iso. É algo que lle pasa a calquera dos representantes galegos nas Cortes.

O presidente do grupo parlamentario máis os deputados deciden quen deberá levar adiante a portavocía.

-Polo que puidemos esculcar, parece ser que se vai sentir moito a súa falta na Cámara galega.
Eu non son quen para dicilo mais entendo iso como unha valoración positiva do traballo que puiden facer. Síntome honrado de que lle chegue esa imaxe.

-Sabe se o seu papel no Congreso terá un valor semellante ao que viña desenvolvendo en Galicia?
Non sei, iso dependerá dos resultados globais en toda España e no caso de que os resultados sexan os esperados. Tamén dependerá de como se configuren alí os equipos. Non teño moito que dicir sobre iso pois, insisto, todo dependerá dos resultados e a organización dos equipos. Por outra parte, nas cámaras parlamentarias a veteranía é un grao, eu vou alí con toda humildade. É certo que nos parlamentos, ademais dos regulamentos, hai costumes e usos parlamentarios, por iso digo que vou con toda a humildade a axudar formando parte do Grupo Popular onde hai persoas de moita valía.

-A súa candidatura é pola provincia de Pontevedra, mais vive na da Coruña. Os seus rivais políticos non lle recriminaron este dato?
É que esa cuestión non é exacta. Si é certo que desenvolvín a miña carreira política na circunscripción da Coruña, co detalle de que durante os últimos doce anos tiven responsabilidades como portavoz no conxunto do territorio, mais tamén é certo que por cuestións familiares vivín na provincia de Pontevedra.

-Cal é a sensación que lle transmite a atmósfera electoral a 24 horas de finalizar a campaña electoral?
Todos os síntomas lévanme a esperar un bo resultado para o PP, sobre todo vendo os recursos e as declaracións que fan os nosos rivais, que semellan un tanto desesperados a última hora.

-Cando fala de “recursos de última hora” refírese á cuestión Núñez Feijóo-Marcial Dorado?
Non, non me refiro a iso, senón que en xeral, lonxe de debater as ideas e o programa do PP, hai un intento evidente de desprestixio do noso candidato. E insisto, no seu conxunto, especialmente a raíz de que gañase o debate do pasado día 10 de xullo.

É certo que nos parlamentos hai costumes e usos parlamentarios, por iso digo que vou con toda a humildade a axudar formando parte do Grupo Popular 

-Sentirse gañador no debate do día 10 de xullo foi o motivo para non asistir ao debate do día 19 de xullo en RTVE do señor Feijóo?
Non estou na estratexia de participación en actos, debates e desprazamentos do presidente nacional do PP, por tanto non podo contestar a esa pregunta.

-Mais a figura de Marcial Dorado sobre Feijóo non contribúe a unha rebaixa no perfil electoral do candidato do PP e do partido?
Creo que recorrer a un ataque persoal contra Alberto Núñez Feijóo no final da campaña, un ataque que non só fai referencia á cuestión que apunta, reflicte preocupación polos resultados que poidan saír do 23X. Cando un ten claro e ten confianza no seu programa, nas súas propostas, no goberno que oferta, na xestión feita, pois non se recorre a un ataque tan persoal sobre un candidato rival.

-Se o PP resulta ser o partido máis votado e con posibilidade de formar goberno apoiándose en Vox, durante as negociacións con este outro partido, cales serían as liñas que o PP non permitiría cruzar?
En primeiro lugar, temos que esperar os resultados electorais. Nós esperamos un resultado que nos permita aplicar o noso programa, sen necesidade de ter que gobernar con outras forzas políticas e se fose o caso, analizariamos punto por punto en que condicións podería darse ese acordo. Dito isto, percibimos unha demanda de cambios, en segundo lugar, dentro do PP hai cuestións que forman parte do seu núcleo duro ideolóxico e de estar no mundo. Podemos resumir isto último a un claro respecto á Constitución co que implica sobre o respecto dos dereitos fundamentais, co que implica coa organización territorial do Estado, ademais de termos un claro compromiso europeísta de cara á construción europea. Sobre todas estas cuestións, non habería cesións que facer.

-Falaba nesta última resposta sobre a organización territorial do Estado. Traballarán vostede e os demais deputados do PP no Congreso no traspaso definitivo de competencias a Galicia recollidas no Estatuto de Autonomía?
Si, evidentemente imos con toda a coherencia defender todo aquilo que desde Galicia demandamos ao goberno de Sánchez e dito goberno, supostamente tan autonomista, pois non ten avanzado. Hai cuestións pendentes como o traspaso dos medios relacionados coa ordenación do litoral, a mesma AP-9, o reforzo da Unidade de Policía Autonómica que leva moitos anos sen estar dotada convenientemente e outras cuestións pendentes co Estado van constituír, como é natural, a base dos asuntos galegos que consideramos necesarios resolver.

-No caso dun goberno presidido polo señor Núñez Feijóo, levarían adiante a derrogación da reforma laboral?
Non, no noso programa falamos de non derrogar a reforma laboral. Como moito, e co diálogo social, consideramos necesario realizar algún axuste, mais Núñez Feijóo xa destacou que a esencia da reforma laboral fora no fondo, unha continuación da feita polo PP cando gobernaba e xa dixo que non se vai tocar.

Nós esperamos un resultado que nos permita aplicar o noso programa, sen necesidade de ter que gobernar con outras forzas políticas 

-O pasado mércores 19 de xullo Feijóo mencionou o tema das pensións no programa Al Rojo Vivo de La Sexta. Non falou de revalorizalas senón que é necesario aumentar o poder adquisitivo da sociedade e dos pensionistas en particular. Incremantaranse nun goberno do PP as pensións tanto contributivas como non contributivas?
Como é ben sabido, Galicia é unha das poucas  CCAA que ten un complemento para as pensións non contributivas e por tanto, o mesmo Feijóo ten mostrado certo compromiso coas non contributivas cando tivo tempo de facelo en Galicia. Sobre as pensións en xeral quero apuntar unha cuestión previa. Os datos din que como consecuencia da non deflactación da tarifa do IRPF, aproximadamente un 40% do incremento das pensións que están na parte alta dos que as reciben, volve á Administración do Estado como consecuencia de que, pese a manterse supostamente o poder adquisitivo, a tarifa do IRPF entende que gaña máis recursos. Debemos precisar que ao non acompañar a suba das pensións un 8% cunha deflactación da tarifa, ao final o resultado non é o 8%. En realidade, os pensionistas este ano están perdendo poder adquisitivo. Nós temos o compromiso claro de deflactar a tarifa do IRPF, que non só beneficiaría aos pensionistas que ven como se actualizan as súas pensións, senón que tamén beneficiaría a calquera traballador que, vía convenio, vería como parte da suba do seu salario para amortecer en parte a inflación e cotiza máis que co Imposto sobre a Renda, e neste tema é máis que proporcional o que implica esta esta suba de cara aos impostos. Isto é importante aclaralo, hai un ingreso mais tamén sobre ese ingreso funciona un pagamento de tributos. Sorpréndeme que con tanta análise non se incidise neste aspecto. O PP pediu a deflactación da tarifa do IRPF nos últimos orzamentos, coa peculiaridade de que moitas CCAA como Galicia deflactamos a tarifa autonómica do IRPF, mesmo iso foi apoiado e foi enmendado nos orzamentos autonómicos por BNG e PSOE, para deflactar aquí a tarifa. Mais cando se presentou a mesma petición no Congreso, a deflactación da tarifa, o PSOE vetouno. Por tanto, se imos falar de pensionistas, ao non deflactar a tarifa do IRPF, a suba das pensións hai que corrixilas pois perden poder adquisitivo como consecuencia do pago tributario por falta da deflactación. Tamén levamos no programa que as pensións non perdan poder contributivo dentro dun marco xeral que é o Pacto de Toledo por unha parte, e por outra tendo en conta que hai un problema de sustentabilidade da mesma caixa da Seguridade Social, pois multiplicou por dous a cifra de déficit dos últimos anos e iso debemos corrixilo mediante o Pacto de Toledo se queremos manter a capacidade adquisitiva dos pensionistas.

-Cal cre que sería o marco idóneo para aumentar entón o número de cotizantes na Seguridade Social?
Non é só unha cuestión de marco lexislativo senón de confianza na economía. Non se crea confianza na economía cando hai pouca confianza naqueles actores que crean emprego, mesmo cando se fan campañas de desprestixio contra aqueles empresarios que máis postos de traballo crean, cando se cambia a lexislación de maneira retroactiva tamén se crea inseguridade xurídica e por tanto queda dificultado o investimento. Tampouco se facilita o emprego cando un ten un volume de fondos europeos destinados a investir, por exemplo, os PERTEs industriais, cando non se é capaz de xestionar eses PERTEs e o diñeiro non chega ás empresas que queren facer investimentos, por tanto, todo iso está dificultando a axenda de creación de emprego.

-Volvendo á súa candidatura e marcha a Madrid, o grupo parlamentario do PPdeG non quedará coxo?
En absoluto, porque o Grupo Parlamentario Popular está composto por 42 deputados e deputadas e por tanto, conta cun bo número de persoas que poden desenvolver a portavocía con perfección e absoluta tranquilidade. Hai moitas alternativas e non se vai notar ningún cambio.

-Teme que en Madrid o sinalen por levar o apelido Fraga?
Non sei por que, non o temo especialmente e non sei por que me sinalaría. Sería un signo de pouca apertura mental xulgar ás persoas polo apelido e non polo que fan, non deixa de ser estraño nun sistema democrático. En tal caso, non creo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta