Galicia podería ter novas eleccións en outono

As eleccións tocarían para o verán de 2024 pero Feijóo podería marcar o calendario electoral tamén en Galicia. Rueda evita confirmar que vai pasar logo do 23X aínda que di ter a "percepción" de que o PP terá "moi bos resultados".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2023 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Galicia podería celebrar novas eleccións en outono. Serían as terceiras dun ano marcado polos comicios electorais. Pero todo vai depender do resultado do 23X e, non tanto no país galego, senón no conxunto do Estado. Se Feijóo obtén unha vitoria importante, Alfonso Rueda podería convocar adianto electoral.

Rueda comparece ante os medios tras a reunion semanal do seu Executivo
Rueda comparece ante os medios tras a reunion semanal do seu Executivo | Fonte: Xunta de Galicia

Ata en tres ocasións se lle preguntou este xoves ao presidente galego sobre esta cuestión, e as tres veces evitou contestar con contundencia. De feito, Rueda evitou pechar calquera porta a esta posibilidade e proclamou en varias ocasións que autonómicas e xerais son procesos "absolutamente independentes".

"Se as xerais condicionasen as autonómicas, que mellor ocasión que convocalas conxuntamente como algúns reclamaban e esperaban", argumentou sobre uns comicios que tocan dentro dun ano. "A día de hoxe, o que estou a tentar é que Feijóo obteña o mellor resultado, non penso en ningunha outra cousa", esgrimiu, nunha comparecencia na que, ademais, augurou que o PP galego achegará un bo resultado á conta estatal do seu partido e logrará máis senadores e deputados no Congreso o vindeiro domingo.

Tras aludir aos "signos evidentes case de desesperación" que percibe "especialmente no PSOE por cousas que fai e di", salientou que, con respecto ao PP e a Feijóo, ten boas sensacións fronte a quen consideran que esta é unha mala semana tras a polémica suscitada por mor da entrevista de TVE e a súa afirmación sobre a revalorización das pensións, ou o protagonismo recobrado polas fotos con Marcial Dorado.

"MOI BO RESULTADO" EN GALICIA

No caso de Galicia, Rueda asegurou que a súa percepción é que achegará "un moi bo resultado" ao PP, que aumentará nas circunscricións en escanos tanto no Congreso como no Senado "de forma notable". Neste punto, insistiu en que as xerais e as galegas son procesos "diferentes" e cun candidato "diferente".

En todo caso, admitiu que, desde o punto de vista electoral, se hai un "bo resultado" para o PP será "reconfortante" porque significará que a xente "non comprou" os, ao seu xuízo, "auténticos disparates" ditos sobre a xestión de Feijóo en Galicia. "Esta xestión quedará referendada, aínda que sexa pola vía indirecta", apostilou.

DESCARTE DE MIÑONES

Na súa comparecencia, Rueda tamén foi preguntado polo descarte de José Manuel Miñones a presentarse ás primarias socialistas para optar a ser presidente da Xunta.  Das eleccións autonómicas fala máis a oposición que eu mesmo", dixo Rueda, antes de ironizar que "cada día" ou "con bastante periodicidade" transcenden persoas que "non queren ser candidatos do PSdeG". "A día de hoxe non coñezo ningún que queira selo", contrapuxo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta