As miñas liñas vermellas para o vindeiro 23X

Vivimos en democracia, e temos que construír o conxunto con achegas desde todas as sensibilidades políticas. Pero hai algunhas liñas vermellas que, desde o meu punto de vista, só destrúen. Non contribúen a consolidar unha sociedade mellor, máis humana e máis sustentable. Velaquí as mesmas...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 14/07/2023

Comparte esta noticia
Que a democracia é un dos maiores avances na sociedade é algo que ninguén pode discutir. A democracia trae liberdade, un enfoque de dereitos universais, estabilidade e progreso. E que o que pilotamos entre todos se constrúa coas achegas dimanadas desde diferentes sensibilidades políticas, penso que é unha riqueza. Pero son dos que cren que non todo vale. Que hai determinadas liñas vermellas que non se poden traspasar, porque implican involución e a laceración dos dereitos das persoas. Nestas letras quero falarlles diso.
 
E o fago, supoño que o terán xa claro, porque hoxe planea sobre todos nós a posibilidade de que unha formación política que nega tales dereitos chegue a estar no goberno de España, ou polo menos con capacidade de influencia nel. Non polos seus resultados propios, que afortunadamente están a seguir sendo moi contidos, senón da man dos que non teñen reparo en conducila aos altares. Dos que branquean os seus postulados, dos que un día renegan, pero aos que se apuntan rapidamente cando pintan bastos na súa aritmética partidaria e partidista. Non poñerei nomes, porque todos vostedes saben quen é quen, e pouca falta fai facerlle publicidade a ninguén. Pero si que lles contarei catro ou cinco asuntos nos que entendo que a formación ultramontana á que me refiro excede, con creces, tales liñas vermellas. Aí vou...
 
A primeira ten que ver coa violencia contra as mulleres. Negar hoxe que ten habido e que persiste un patrón característico contra as mulleres é un insulto á intelixencia. Falar só de violencia no seo da familia, tratando de agochar o feito da existencia dunha violencia específica xerada por determinados perfís de varóns que maltratan ás mulleres, non é ético. E é rotundamente falso. Non se pode consentir, cunha simple ollada aos datos que falan dunha lacra específica, terrorífica e con resultados catastróficos.
 
A segunda, co cambio climático. Unha evidencia científica que só pode ter contestación desde o ámbito da ciencia, dentro da normal dinámica de cambio do paradigma, segundo o método científico. Todo o demais que se poida argallar para buscar momentos de gloria e votos dos que non coñecen tal cousa, é prescindible. E iso é o que fai tal formación, que nega o efecto de quecemento de atmosfera polas emisións de gases de efecto invernadoiro, e tamén todo tipo de medidas correctivas, paliativas e de compensación dos danos causados.
 
A terceira das vulneracións ten que ver coa inmigración. Porque identificar á mesma con delincuencia, tal como fai tal partido político, é inmoral. E penso que, incluso, podería ser tipificado como delito de odio ou como xenofobia. Porque as persoas inmigrantes, as que chegan aquí e a todas partes, son de toda condición. Haberá algúns que delinquen, claro que si. Exactamente igual que o fan os de Córdoba ou os do Alto Pirineo, os de A Mariña ou os de Sagunto. Non hai patróns antropolóxicos que demostren que os dun sitio ou doutro son mellores ou peores. Son seres humanos, ás veces con situacións moi límite, que merecen respecto e consideración. A inmigración existiu desde o comezo dos tempos, e precisamente os galegos fomos dos que máis tiramos dela para irmos saíndo adiante.
 
Hai máis, e vai a cuarta. Porque o feito de arrincar e tirar a bandeira LGBTIQ+ é toda unha declaración de intencións. Porque están tirando, cando os dirixentes dese partido o fan, todo o camiño de normalización da vida de moitas persoas ás que antes se perseguía, tratadas como “vagos e maleantes”, metidas no cárcere ou vexadas sistematicamente. E que seguen sendo torturadas e ata asasinadas en non poucos países. Pretender gobernar é comprometerse co de todos e todas, e iso implica respectar os dereitos máis elementais. Non facelo, e persistir en visións amplamente superadas hai tempo é, como mínimo, síntoma de non ser quen para asumir tal labor.
 
Hai máis cousas pero con estas, mirando ao mar, xa me chega. Por que? Porque están relacionadas todas elas con dereitos moi fundamentais. Co dereito á vida, e co respecto universal. E coa necesidade de que os que gobernen o noso país sexan pulcros e respectuosos con todo o corpus de tratados sobre tales dereitos aos que estamos adheridos. Que veña alguén, a estas alturas, cun discurso de odio que atenta directamente contra a diversidade ou directamente contra a vida é intolerable.
 
Tiña pensado falar hoxe doutra cousa, pero ante a inminencia da cita electoral que levará á renovación de Congreso e Senado e á formación dun novo Goberno, é preciso falar do urxente e do importante. E non porque un teña intereses persoais no resultado, que non é o caso. Simplemente, porque é triste que a falta de información, os discursos populistas e as carencias culturais no conxunto da sociedade poidan levar a un Goberno no que formacións que exhiben este discurso poidan estar presentes ou apoiando a cambio de ver algunhas das súas ideas plasmadas nas leis. E todo iso, si, influirá nas nosas vidas moito máis do que pensamos.
 
Pero o peor non é o de quen sustenta un discurso de odio e fractura social. Iso sempre existiu e, como dicíamos, non ten un teito demasiado elevado porque prevalece o sentido común e unha mínima ética persoal e colectiva. O problema principal é de quen, para sumar maiorías, poida chegar a non ter reparo en levar aos primeiros ás institucións. Iso é o grave. E xa está pasando hoxe en España, a nivel autonómico, da man dos mesmos actores. Espero que sexamos capaces de frear tal disparate, polo feito antes citado de eivas graves do seu ideario no tocante aos dereitos humanos.
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Feijóo, líder do PP, e Abascal, líder de Vox, nun acto
Feijóo, líder do PP, e Abascal, líder de Vox, nun acto | Fonte: EFE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.