Enterro simbólico de marisco con 300 persoas en protesta pola ameaza que supón a mina de San Finx para a ría de Muros e Noia

O acto tivo lugar este sábado e tamén contou cun concerto, unha degustación de produtos e unha marcha ata as presas de residuos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 08/07/2023 | Actualizada ás 10:36

Comparte esta noticia

Varios centos de persoas, uns 300 segundo os organizadores, mobilizáronse este sábado na propia mina de San Finx de Lousame en defensa da ría de Muros e Noia e "contra as verteduras que ameazan ao sector do mar polo seu impacto catastrófico".

Varios centos de persoas mobilízanse en Noia contra a mina de San Finx
Varios centos de persoas mobilízanse en Noia contra a mina de San Finx | Fonte: CONFRARÍAS DE PESCADORES

"Mostramos unha vez máis nosa oposición absoluta a que se poña en risco o futuro da ría e dos miles de empregados que xera; non imos deixar que as verteduras saian adiante", afirmou o portavoz da Plataforma de afectados pola mina de San Finx, Joám Evans.

Pola súa banda, o patrón maior da confraría de Noia, Santiago Cruz, agradeceu o compromiso de todas as persoas que acudiron á concentración deste sábado e instou á Xunta a que "cambie as súas políticas ambientais, porque son un fracaso, os ríos e as rías están a morrerse aos poucos".

"Non entendemos como a Xunta está en contra dos pobos mariñeiros e permite este dano ambiental irreparable", salientou o patrón maior de Noia, mentres que o de Portosín, Isaac Gaciño, incidiu na firme oposición a "permitir toxicidade na ría".

"Son moitos postos de traballo, moitas familias as que viven dela e a loita non para aquí. Son 40.000 postos de traballo directos e indirectos os que están en xogo e non podemos permitir que a calidade dos nosos produtos sexa contaminada", subliñou Gaciño.

IMPORTANCIA DE COIDAR AS RÍAS

Pola súa banda, o viceportavoz da plataforma de afectados, Rogelio Santos Queiruga, reflexionou sobre a "importancia de coidar as nosas rías se despois queremos unha boa alimentación para a sociedade".

A plataforma comarcal contra as verteduras, encabezada polas confrarías de pescadores, demanda á Xunta que "revogue a autorización concedida" á mineira australiana a comezos de ano, despois de que, ademais, "incumprise o condicionante de ter finalizadas as obras en catro meses".

ENTERRO SIMBÓLICO

A protesta incluíu un enterro simbólico de produtos da ría coa compañía de teatro 'Os Quinquilláns', un concerto do grupo musical Barahúnda e unha degustación de produtos da ría ofrecida pola confraría de Noia, que avisa que "podería ser a última se se permite que as verteduras de San Finx acaban por realizarse".

A xornada concluirá cunha marcha ata as presas de residuos mineiros abandonadas, onde se instalará unha pancarta alertando do "risco catastrófico" e se embotellará auga procedente da mina para enviar ao presidente da Xunta e aos titulares das consellerías responsables da situación das minas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta