O Supremo mantén a prórroga de Ence na ría de Pontevedra tras os recursos de concello e Avogacía do EStado

Segue aberta a posibilidade de continuar ante o Tribunal Constitucional. O alcalde de Pontevedra di que a sentencia era "previsible" e anuncia novos recursos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/07/2023 | Actualizada ás 19:59

Comparte esta noticia

O Tribunal Supremo rexeitou os incidentes de nulidade presentados polo Concello de Pontevedra e a Avogacía do Estado contra a resolución xudicial que avalou a permanencia de Ence nos terreos de Lourizán, na ría de Pontevedra, e que, en concreto, ían dirixidos á concesión da prórroga.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes das partes, a sección quinta da Sala do Contenciso-Administrativo do alto tribunal comunicou este martes ás partes afectadas a resolución adoptada, na que se apunta que non procede a nulidade do fallo anterior. Esta resolución pecha a vía aberta ante o Supremo, pero segue aberta a posibilidade de continuar ante o Tribunal Constitucional.

En febreiro deste ano, a sección quinta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra ata o ano 2073.

Con esta decisión, corrixiu a sentenza da Audiencia Nacional, que anulara a prórroga concedida o 20 de xaneiro de 2016 polo Goberno que dirixía entón Mariano Rajoy, que outorgaba a Ence unha prórroga de 60 anos (a contar desde a data de solicitude, en 2013) da concesión de ocupación dunha franxa de dominio público marítimo terrestre destinada á fábrica de pasta de celulosa en Pontevedra.

Nesa resolución de febreiro, o Supremo considera que se poden prorrogar as concesións anteriores á Lei Xeral de Costas de 1988, como é o caso, "sempre que consten informes ambientais favorables". No asunto analizado, remarca, "constaban informes favorables da Administración nesa materia".

O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra.. Gustavo da Paz - Europa Press
O complexo industrial de Ence na Ría de Pontevedra.. Gustavo da Paz - Europa Press | Fonte: Europa Press

NOVOS PASOS

Pola súa banda, o Concello de Pontevedra asegurou que estuda o seguinte paso xudicial para "seguir loitando" contra a permanencia de Ence na ría unha vez que o este martes tivo coñecemento do auto do Tribunal Supremo no que rexeita os incidentes de nulidade presentados por esta Administración local e pola Avogacía do Estado contra a sentenza que concede a permanencia de Ence en Lourizán ata 2073.

Ademais, o Concello de Pontevedra, no que actualmente goberna en minoría o BNG con Miguel Anxo Fernández Lores como alcalde, sinala que esta decisión do Supremo tamén é contraria aos intereses municipais tal e como foi a sentenza. Respecto diso, o Concello de Pontevedra entende que "a resolución era previsible e incluíase dentro da folla de ruta xudicial elaborada polo Concello", para "seguir loitando coa permanencia de Ence na ría e en Lourizán".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta