O 55% dos fogares galegos chega con dificultade o moita dificultade a final de mes

Aumentan os problemas económicos. O 22,47% non se permite ningún extra nos tres últimos meses, segundo o IGE.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/07/2023 | Actualizada ás 11:22

Comparte esta noticia

O 46,4% dos fogares galegos chega con dificultade a fin de mes e o 8,92% faino con moita dificultade no segundo trimestre, fronte ao 44,68% que teñen facilidade ou moita facilidade para afrontar os gastos, segundo os datos que publica este luns o Instituto Galego de Estatística (IEG).

Supón un incremento dos fogares que chegan con dificultade ou con moita dificultade a fin de mes tanto en variación trimestral como en relación co mesmo período do ano anterior.

En comparación co trimestre anterior, prodúcese en concreto unha diminución de 1,43 puntos na porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes, un aumento de 1,23 puntos no dos que chegan con moita dificultade e un de 0,2 nos fogares que chegan con ficiulad a fin de mes.

Con respecto ao segundo trimestre do ano 2022, a porcentaxe de fogares que chega con facilidade ou moita facilidade a fin de mes baixa 6,88 puntos porcentuais. A porcentaxe de fogares que chega con dificultade a fin de mes increméntase 3,54 puntos entre ambos os períodos e o de fogares que chega con moita dificultade crece 3,34 puntos.

MEDIDAS

O 22,47% dos fogares galegos non se permitiu ningún extra nos tres últimos meses, segundo a enquisa conxuntural a fogares do IGE. Considéranse como extra os gastos destinados a vacacións ou viaxes, facer fronte a imprevistos ou grandes compras, extras de alimentación, roupa e calzado, contratar novos servizos para o fogar, saír a cear, ir ao cinema, etcétera.

Tamén se inclúe nesta categoría poder aforrar e traballar menos horas ou que algún membro do fogar permitísese deixar de traballar. O 40,45% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra comprando marcas brancas, produtos en oferta, etcétera, no segundo trimestre de 2023.

Esta foi a medida económica máis habitual empregada polos fogares para reducir os gastos, aumentar os ingresos ou afrontar pagos neste período. Ademais, o 31,83% dos fogares galegos diminuíu outros gastos comúns como roupa e calzado, transporte, gas, electricidade, etcétera, excepto alimentación.

VIVENDA E COCHE

O 16,63% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal na que habitan, o 8,91% o coche e o 1,97% unha segunda vivenda. Con respecto ao mesmo trimestre de 2022, diminuíu 1,30 puntos a porcentaxe de fogares que están a pagar a súa vivenda habitual.

CONFIANZA

No segundo trimestre de 2023, o indicador de confianza do consumidor reflicte un valor de -12,05 puntos, 8,91 puntos superior que o referido ao trimestre anterior. Neste trimestre non diminuíu ningún dos catro indicadores parciais de perspectivas de evolución: o indicador do desemprego rexistrou unha subida de 13,02 puntos, seguido do indicador da situación económica en Galicia, que aumentou 11,74 puntos; do indicador de capacidade futura de aforro, que aumentou 7,53 puntos e do indicador da situación financeira persoal, que aumentou 3,34 puntos.

Billetes e moedas de euro
Billetes e moedas de euro | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eu mesmo

Pero sigamos votando as politicas do partido popular que se estamos no 55% en 4 aniños mais conseguen o 75% facilmente.