Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/07/2023 | Actualizada ás 14:29
O candidato do PSOE ao Congreso pola provincia de Pontevedra, David Regades, contrapuxo o "impacto social" das bonificacións da AP-9 cos "descontos pírricos" da Xunta nas autovías autonómicas do Val Miñor.
"Comparar as bonificacións estatais na AP-9 coas que aplica a Xunta de Galicia na AG-57 é como comparar o día e a noite", afirmou Regades. Por iso, o candidato socialista reclamou ao Goberno galego "menos propaganda, menos ruído e máis descontos reais" para os veciños que utilizan a autovía entre Vigo, Gondomar, Nigrán e Baiona.
Segundo expresou Regades, os descontos na AP-9 "son reais", mentres que os da AG-67 son "maquillaxe", porque, na súa opinión, "non ten sentido que unha familia numerosa de Lugo poida beneficiarse nunha viaxe concreta, de descontos superiores aos dun autónomo de Nigrán que circula pola autovía todos os días".
Nesta liña, o socialista lembrou que o Goberno de Pedro Sánchez financia este esquema de descontos para os 220 quilómetros da AP-9 con cargo aos Orzamentos Xerais de Estado, en contraste co que fixo o PP en 2013 cando "aprobou descontos limitados para tramos concretos". Ademais, engadiu, "financiounos cun incremento de tarifas". "Por incrible que pareza, o PP, con Ana Pastor de ministra, pagaba as bonificacións subindo as peaxes", reprochou Regades.
Por outra banda, o número 1 de lista do PSOE en Pontevedra tamén puxo en valor que o Executivo socialista foi quen "eliminou a peaxe no tramo Redondela-Vigo, facendo deste xeito "realidade unha promesa histórica".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.