Homenaxe da Deputación de Pontevedra ao debuxante Xaquín Marín coa publicación de 'Gaspariño XXI'

A presentación tivo lugar este venres no Arquivo provincial con presenza do propio Xaquín Marín, acompañado polo seu fillo Alexandre, a deputada María Ortega e o coordinador da publicación Kiko da Silva.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/06/2023 | Actualizada ás 17:11

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra presentou 'Gaspariño XXI. Unha homenaxe a Xaquín Marín', unha publicación elaborada polo alumnado da escola de cómic 'O Garaxe Hermético', que actualiza as tiras e os textos orixinais do autor e cuxa portada corre a cargo de Miguel Anxo Prado.

A presentación tivo lugar este venres no Arquivo provincial con presenza do propio Xaquín Marín, acompañado polo seu fillo Alexandre, a deputada de Patrimonio Documental e Bibliográfico, María Ortega, e o coordinador da publicación Kiko da Silva.

Na súa intervención, María Ortega destacou que o debuxante Xaquín Marín "foi dos primeiros en reivindicar o galego nas súas tiras, un militante do país que defendía os valores do noso pobo".

Pola súa banda, Kiko da Silva indicou que a publicación é unha reivindicación do personaxe de Gaspariño dos anos 70, pero tamén dos problemas que segue tendo Galicia. "Son os mesmos gags de entón pero debuxados con aspectos de hoxe en día", explicou sobre unha colección que toca asuntos como a falta de traballo, a emigración ou os eólicos.

Da Silva explicou que o libro naceu no confinamento como unha proposta de traballo colectivo semellante a outros que se fixeron con 'O Garaxe Hermético', pero coa dificultade de non poder coordinarse da maneira habitual.

O propio autor e protagonista da presentación, Xaquín Marín, agradeceu o traballo feito e explicou que "a miña vida foi debuxar e aínda sigo facendo tiras de humor despois de 60 anos".

Finalmente, a deputada María Ortega quixo aproveitar a última intervención como responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico para agradecer todo o traballo realizado polo persoal do servizo neste últimos catro anos.

Xaquín Marín nunha foto de RafioFusión
Xaquín Marín nunha foto de RafioFusión

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta