O PP nega a natureza privada da clínica na que están as máquinas de Amancio Ortega

Torrado (PSdeG) lembra aos populares as palabras de Rueda, que xustificou esta localización "mentres non poidan ir" a "un hospital público".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia



O viceportavoz do PPdeG no Parlamento galego, Alberto Pazos, negou o carácter privado da clínica na que están as máquinas contra o cancro doadas en 2015 pola Fundación Amancio Ortega ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), porque o convenio se asinou cun "consorcio público" no que a Xunta ten o 57 por cento, o Concello da Coruña o 14,3 e a Fundación Centro Oncolóxico Regional José Antonio Quiroga e Piñeyro ten o 28,7 por cento restante.

Así o defendeu o dirixente popular durante o debate dunha proposición non de lei (PNL) dos socialistas, que se votará este mércores no Parlamento galego, para instar á Xunta a "determinar normativamente" os criterios de destino das doazóns que se fagan ao Sergas e que todas elas estean situadas e "teñan repercusión directa" no sistema público.

O encargado de defender a iniciativa foi o deputado do PSdeG Julio Torrado, quen cualificou de "pagafantas" ao Sergas porque paga "a unha clínica privada" por empregar esta tecnoloxía oncolóxica. Segundo sostivo, esta PNL "pide algo lóxico" pero, "como todo o que é lóxico, o goberno do PP non o fai".

Torrado explicou que a fundación que sostén esta clínica, situada na Coruña, recibiu 45 millóns de euros entre 2017 e 2021 por atender a pacientes derivados do Sergas --tamén se benefician delas persoas con mutua privada, a cambio dun canon-- para ser tratados cunha maquinaria que foi doada ao propio servizo público.

En parecidos termos pronunciouse a portavoz sanitaria do BNG, Montse Prado, quen aproveitou para afear á Xunta a súa estratexia a través do que chama "colaboración público-privada". Para a nacionalista, é unha figura "para xustificar que os recursos públicos se drenen, a canta máis velocidade e cantidade posible, á sanidade privada".

Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia. / PPdeG. / Europa Press
Alberto Pazos Couñago, deputado e viceportavoz do Grupo do PPdeG no Parlamento de Galicia. / PPdeG. / Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta