Aprobada a polémica Lei do Xogo que "permite xogar a menores en bares", segundo a oposición

Fixa o número de xogos para Galicia: catro casinos e catro salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, fixando unha duración de 15 anos para todas as autorizacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/06/2023 | Actualizada ás 11:33

Comparte esta noticia

O PP aprobou en solitario no Parlamento galego a reforma da lei de xogo, un texto que data de 1985, co rexeitamento da oposición porque o considera unha "gran oportunidade perdida" que "vai permitir xogar a menores en bares" e a ludópatas no rexistro de autoprohibidos.

No pleno do Parlamento, Paula Prado (PP) defendeu que é "absolutamente falso" que os menores poidan apostar en bares, igual que "tampouco" poden comprar alcol ou tabaco, de forma que "o dono tamén ten que impedir que xoguen". Nesta liña, o vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, valorou que lei "mellora" a actual norma e fomenta o "xogo responsable".

En cambio, a oposición lamentou que os populares non opten por incluír mecanismos de control en bares das apostas de menores ou ludópatas, coma poida ser o uso do DNI.

A lei fixa un número máximo de dúas máquinas de xogo de calquera dos tipos permitidos nos establecementos de restauración e de lecer; establécese na lei a prohibición de todo tipo de publicidade dos xogos de competencia autonómica na radio e na televisión de Galicia; e obrígase a todos os establecementos de xogo ter control de acceso que prohiba a entrada de menores e de persoas inscritas no rexistro de prohibidos.

O novo texto lexislativo tamén fixa novas distancias a 300 metros de colexios que deberán cumprir os establecementos de xogo. Haberá un máximo de catro casinos e catro salas adicionais, 12 bingos, 118 salóns de xogo e 41 tendas de apostas, fixando unha duración de 15 anos para todas as autorizacións.

Máquinas comecartos
Máquinas comecartos | Fonte: CARLA BONNET

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta