O Parlamento de Galicia expón en Ourense unha selección da súa colección de arte

A mostra 'A Nosa Arte' poderá visitarse na sede de Afundación ata o 21 de outubro

Por E.P. | OURENSE | 21/06/2023 | Actualizada ás 20:46

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia inaugurou este mércores na sede de Afundación de Ourense a exposición 'A Nosa Arte', conformada por unha selección de 37 obras da colección artística da Cámara autonómica.

Na inauguración, da que informou o Parlamento nun comunicado, o titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices, lembrou que a colección de arte da Cámara galega está integrada por máis de 300 pezas a maioría en propiedade, aínda que tamén conta con obras cedidas, que "pertencen á totalidade das galegas e galegos".

Para Santalices, trátase de "unha visita obrigada polo especial peso de Ourense na conformación da cultura galega" na medida na que alí naceron e traballaron moitos das grandes personalidades das letras e da cultura galega.

Santalices explicou que así como as deputadas e deputados desenvolven parte do seu traballo nas circunscricións electorais polas que resultaron elixidos, "tamén a institución parlamentaria está obrigada a buscar o contacto coa xente". Así, mostrouse convencido de que as "institucións estáticas, inmóbiles e pechadas son cousa do pasado". "Peor nos irá canto máis tardemos en darnos de conta e actuar en consecuencia", dixo.

Nesta filosofía enmarcou a organización desta exposición itinerante, a primeira destas características integrada en exclusiva por pezas da Cámara. Xa se mostrou en Vigo e Ferrol e despois de Ourense visitará Lugo, A Coruña e Pontevedra, rotando trimestralmente.

A itinerancia da exposición "responde e fai visible o compromiso da primeira institución de Galicia co conxunto do territorio ao que serve, sexa no litoral ou no interior, na mariña ou na montaña, no urbano ou no rural, unha realidade poliédrica que temos a obrigación de ter presente, respectando sempre a diversidade", afirmou Santalices.

AGRADECEMENTO

O presidente do Parlamento tivo palabras de agradecemento para a Xunta de Galicia, que colabora na organización desta mostra; e para Afundación, que cede as súas sedes nas cidades, como fixese anteriormente con outras actividades impulsadas pola Cámara.

Santalices agradeceu o traballo da Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, que colaborou na catalogación e da colección e seguirao facendo emitindo o informe previo e vinculante en relación coa adquisición de calquera nova obra de arte por parte do Parlamento.

O comisariado da mostra corre a cargo da Real Academia de Belas Artes a través de tres dos seus académicos: María Vitoria Carballo-Calero, Felipe-Senén López Gómez e José Carlos Vale Pérez.

En opinión de Santalices, a "Galicia contemporánea" e a súa "autonomía" son tributarias da Xeración Nós, polo seu exemplo e inspiración. Na súa opinión, "un século despois, as e os artistas galegos acreditan, pola vía dos feitos, co seu traballo, que son dignos sucesores daqueles mestres que encheron Galicia de talento, de orgullo, de espírito de superación e dun cosmopolitismo que tanto se necesitaba".

O acto contou tamén coas intervencións de Xosé Carlos Caneiro Pérez, vicepresidente de Afundación; María Vitoria Carballo-Calero, en representación dos comisarios; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo; e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez González. A exposición inaugurada esta tarde en Ourense poderá visitarse ata o 21 de xullo e tamén do 1 de setembro ao 21 de outubro na sede de Afundación.

Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo
Fachada principal do Pazo do Hórreo, sede do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta