Ola & Flora, o mercado da cerámica e a flor en Allariz

A segunda edición deste mercado, promovido por dúas produtoras locais, será na Praza do Matadoiro o vindeiro 1 de xullo. Contará con máis dunha ducia de expositores do sector da flor cortada e a cerámica.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 15/06/2023 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Ola & Flora Allariz naceu o pasado ano como mercado de floricultura e cerámica e grazas á iniciativa das produtoras alaricanas Estefanía Prieto e María José Castro e o apoio e colaboración do Concello de Allariz.

Presentación de Ola & Flora. Foto: Comunicación Concello de Allariz.
Presentación de Ola & Flora. Foto: Comunicación Concello de Allariz.

Na súa presentación do pasado 13 de xuño a concelleira de Promoción Económica, María López sinalou que "o obxectivo é consolidar un mercado de verán no que se concentrarán máis dunha ducia de expositores do sector da flor cortada e a cerámica, nun intento por visualizar as pequenas empresas galegas do sector que destacan pola calidade e diferenciación dos seus traballos”.

As produtoras alaricanas, representadas por María José Castro, sinalaban que “o mercado pretende ser un lugar de encontro no que coñecer diferentes proxectos de floricultura artesanal. Dun tempo a esta parte está habendo un crecente interese nas flores cultivadas dun xeito sostible, sen abuso de pesticidas e producidas localmente. Tamén se están abandonando prácticas como por exemplo o uso da contaminante espuma floral. Por outra banda tamén é tendencia o emprego de bases cerámicas de autor/a para arranxos florais, motivo polo que pensamos que flores e cerámica combinan á perfección. Certo é que o tradicional oficio da olería mantense moi vivo ata os nosos días, sendo unha dos faceres máis ancestrais. Mostra de que sabe evolucionar cos tempos ofrecendo pezas útiles e ao tempo verdadeiras xoias ornamentais”.

O horario do mercado será de 10:00 a 14:00 horas pola mañá, e de 16.00 a 20.30 h. pola tarde. Paralelamente organizaranse unha mostra en vivo de olería e varias actividades gratuítas coma un obradoiro de iniciación ao torno, e outro de Ikebanas. Para participar nestas actividades requírese previa inscrición en ola.flora.allariz@gmail.com. 

Para promover as compras, ao longo do día haberá sorteos para todas a as persoas que acudan a mercar flores ou cerámica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta