O verniz

Progresa a educación no país nunha senda de descapitalización da mesma, convertendo ás titulacións nun verniz cada vez con menos contidos asociados? Sobre isto reflexiono neste frenético mes de xuño, antesala do fin do curso escolar, do tempo de solsticio e das vacacións de verán para a rapazada...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 14/06/2023

Comparte esta noticia
Son tempos, estes de xuño, nos que comeza a rematar moito daquilo que nos tivo entretidos nos últimos meses. É como se o noso grupo humano, coa chegada da calor, comezase a frear coa vista posta na case completa quietude propia do mes de agosto, en que todo parece que bota a áncora e limítase simplemente a estar. Ben, todo non, que se vostede é dos que traballan na hostalería, ou noutros sectores orientados ao turismo e os servizos, bulirá sobre todo nestes meses que están por chegar.
 
Pero se hai algo que remata definitivamente nestas datas é o curso académico. O curso escolar, que despois dunha andaina que comeza no mes de setembro chega xa ao seu fin. E agora, desde que non hai a convocatoria extraordinaria xusto antes do comezo do novo curso, o presente aínda remata máis nestes tempos de solsticio, lumaradas ou cacharelas, praia e moita luz. Termina pois o tempo de  estudo e de aula, para dar paso ás vacacións, a plans soñados polos rapaces e rapazas durante os meses anteriores ou, simplemente, a maiores doses de preguiza e a días de festa en todo o país.
 
E é en momentos como estes, de remate do curso, cando eu máis me pregunto cal é o encargo actual da sociedade á comunidade docente, e que lóxica ten. E confésolles que as conclusións ás que chego hoxe, mirando ao mar, non son moi alentadoras. E por que digo isto? Pois porque penso que a mensaxe da sociedade aos nenos, nenas, mozos e mozas en idade escolar non está demasiado en liña cunha necesidade de avance persoal e colectivo no eido do coñecemento “per se”, como forma de crecemento do individuo e de poder aportar o mellor de si á sociedade. Como moito, entendo que o que se lles transmite é que o coñecemento ten lóxica sobre todo orientado á consecución dun mellor posto de traballo, e moitas veces aínda nin iso. E, de feito, o imaxinario colectivo dos rapaces e rapazas está trufado de historias nos que se gañan cartos dabondo sen necesidade de progresar moito no educativo. No noso mundo líquido e virtual, así, moitos deles só aspiran a seren “YouTubers” ou “Instagrammers”, por exemplo, ou a triunfar en TikTok ou outras redes parecidas. Cando non en OnlyFans e outros portais moito máis orientados a contidos dos chamados “exclusivos”, e de previo pago. 
 
Penso que a sociedade esixe ás veces aos rapaces un certo nivel de titulación, pero cada vez máis desprovisto de contido real. Así, son dos que pensan que a mesma está levando a súa Educación Secundaria Obrigatoria (a E.S.O.) a un verniz máis ou menos colorido que, fagan o que fagan e entendan o que entendan, se lle está a dar á práctica totalidade da rapazada. E que condena ao Bacharelato, vía redución sistemática e paulatina dos contidos estudados, a unha senda parecida. Un drama desde o punto de vista de adquisición do coñecemento, que veñen de denunciar moitos docentes de universidade, cando menos de forma privada. Hai  poucas xornadas, por poñer o último exemplo que disto me encontrei, un profesor de Matemáticas en Arquitectura expresábame a súa problemática de non poder traballar cos seus estudantes na derivación de funcións de varias variables reais, tendo en conta que unha certa parte dos mesmos tiña verdadeiros problemas para facelo no caso máis simple dunha única variable real. E isto non son casos illados. Cada vez máis os resultados dunha ESO moi alixeirada e dun Bacharelato tamén máis feble entran a producir os seus efectos negativos nos estudos superiores. É unha realidade.
 
É máis, parece coma se quen deseña os currículos tivese a teima de pensar que a rapazada é cada vez menos capaz, o cal non é certo nin ten ningunha base. Pero o feito é que os contidos, como dicíamos anteriormente, son cada vez máis pobres, máis desarticulados e menos asentados nun corpo teórico sólido e consistente. Poño por exemplo o estudo das matrices, seguindo coas Matemáticas, nas que as mesmas non se presentan xa desde hai anos a partir do estudo das aplicacións lineais, senón como un pobre e simple conxunto de  m por n números.  As tecnoloxías, por outra parte, son estupendos aliados para poder levar a cabo o proceso da aprendizaxe, pero non deben ser consideradas fin en si mesmas. Porque se isto facemos, estaremos abdicando de poñer en contacto aos nosos discípulos cun enorme caudal de coñecemento que é quen de aportarnos moito. De acordo con que esteamos na cuarta e xa ás portas da quinta revolución industrial, e que moitas cousas poidan evolucionar ata o que xamais tivésemos pensado, pero iso non é unha “patente de corso” para desdeñar moito do que coñecemos, que está nos libros e que hai que aprender con dedicación e con esforzo.
 
Desde o meu punto de vista, o actual estado das cousas no ensino medio propicia que moitos rapaces e rapazas enfronten as súas obrigas académicas cun nulo ou moi escaso traballo persoal. Aínda así, preténdese moitas veces que se tal alumnado non pasa de curso sexa por razóns externas a el, tendo os docentes que xustificar moito tales suspensos. Pois non, ás veces a rapazada non traballa, precisamente nun momento no que a procura do coñecemento non está entre as prioridades da sociedade e a súa axenda colectiva, véndose reforzada así a súa negativa a unha maior implicación na súa traxectoria de aprendizaxe. Se é así, son dos que pensan que non podemos transformar as titulacións en algo cosmético sen un mínimo real de competencias asociado e acadado efectivamente no perfil de saída do alumnado. Porque o risco, se iso se fai, é que as mesmas queden simplemente no título, sen implicar moito máis que fume. Que un verniz...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Un grupo de estudantes antes da ABAU, antiga selectividade
Un grupo de estudantes antes da ABAU, antiga selectividade | Fonte: Glòria Sánchez - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.