Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2023 | Actualizada ás 17:45
O Bosque de Galicia situado na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, conta cunha intervención artística do escultor Acisclo Manzano. A obra, denominada 'O prisma dos sentidos', foi concibida como un lugar de recollemento e meditación espiritual, e evoca as formas dunha capela contemporánea erixida na contorna do monte Gaiás.
A inauguración da instalación artística foi este martes, e nela participou o conselleiro de Cultura, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, Acisclo Manzano e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez.
Alí Rodríguez remarcou o vínculo que esta peza ten co Camiño de Santiago. A obra está situada na ladeira do monte Gaiás que discorre paralela á Vía da Prata. O prisma dos sentidos inspírase nos santuarios e pequenos refuxios empregados polos peregrinos no seu percorrido.
Ademais, pola súa localización e integración no entrono natural, a obra ofrece tamén "un punto de vista privilexiado" das torres da Catedral de Santiago e da paisaxe compostelá. O executivo galego detallou que as paredes da obra, perforadas con rostros, ondas e estrelas permiten que a luz, o vento e a auga da choiva se filtre creando xogos evocadores e multisensoriais.
O escultor --segundo indicou a Xunta-- aclarou que esta capela "non se identifica con ningunha deidade ou culto particular", aínda que entre as figuras hai algunha chiscadela á mitoloxía do Camiño, como a louza que recrea a tumba dun suposto peregrino que finou nese mesmo lugar ao contemplar as torres da Catedral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.