Denegan a Jácome a súa petición de prohibir a 'La Región' a difusión dos audios

O xulgado sinala que ten que haber a existencia previa de indicios racionais e non meras conxecturas ou sospeitas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2023 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense, en funcións de garda cando o alcalde a cidade, Gonzalo Pérez Jácome, presentou unha denuncia contra o diario 'La Región' por suposto delito de descubrimento e revelación de segredos, denegou a súa solicitude como medida cautelar para prohibir a difusión dunhas gravacións de conversacións que mantivo con terceiras persoas.

A xuíza explica no auto, con data do xoves e contra o que cabe presentar recurso, que "non concorren indicios bastantes que fagan presumir a participación de persoa algunha" por canto "non se achega elemento algún que permita inferir a coacción non autorizada de dispositivos de escoita e gravación".

Destaca que "non consta" fotografía ou inspección ocular dos que resulte ningún micrófono ou dispositivo técnico, tal e como apunta o alcalde, "nin testemuña ou persoa algunha que observase os mesmos, a súa instalación, colocación ou retirada", así como "tampouco informe pericial algún" que acredite "o lugar de obtención ou manipulación ou alteración de ningún tipo".

Ademais, a instrutora subliña que a prohibición de difusión a medios de comunicación e redes sociais require unha autorización xudicial mediante unha decisión motivada "que comprobe a proporcionalidade da medida, analizando as circunstancias concorrentes no momento da súa adopción".

Por tanto, lembra que "o orzamento esencial para a adopción dunha medida restritiva dun dereito é a existencia previa de indicios racionais e non meras conxecturas ou sospeitas da comisión dunha infracción" do artigo 197 do vixente Código Penal --de revelación de segredos--.

O denunciante relataba, sempre segundo o auto da xuíza, que houbo unha publicación do 6 de maio de 2023 do diario 'La Región' que "contén gravacións dunha conversación entre o alcalde de Ourense e terceiras persoas sobre unha infracción en materia de tráfico" e o 8 de maio "publícase outra información sobre uso de diñeiro en B con outras gravacións de conversacións".

O rexedor, na súa denuncia, dicía que eses audios "se basean en conversacións mantidas no seu despacho ou en espazos de acceso reservado de edificios municipais ou outras dependencias, que só se poden obter mediante a utilización de dispositivos técnicos de escoita e gravación de son".

O maxistrado do Xulgado de Instrución número 1 de Ourense, en funcións de garda cando o alcalde presentou outra denuncia contra La Voz de Galicia, tamén denegara o pasado sábado as medidas cautelares solicitadas polo alcalde, quen pediu que se retirasen os audios e a súa publicación.

INVESTIGACIÓN SOLICITADA

En canto á práctica das dilixencias de investigación solicitadas nos escritos de denuncia contra os dous diarios, tanto a titular do número 3 como o do número 1 entenden que "deberán ser resoltas polos órganos xudiciais competentes", é dicir, os Xulgados de Instrución aos que lles corresponda por repartición, porque consideran que exceden as competencias que teñen atribuídas durante as súas funcións de garda.

No caso do diario 'La Región', o procedemento xa foi repartido ao Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, o cal devolveu a causa ao número 3 para que resolvese sobre as medidas cautelares, por ser o que estaba de garda cando se presentou a denuncia. Unha vez resolta a solicitude das medidas, a maxistrada emitiu un auto no que se inhibiu ao Xulgado de Instrución Número 2 para que resolva as dilixencias demandadas.

Á parte destas dúas denuncias, esta mesma semana o rexedor municipal presentou outra denuncia contra 'La Región' --que amplía a primeira-- pola difusión de novos audios, na que volve solicitar a prohibición da publicación das gravacións. Polo momento esa solicitude de medida cautelar aínda non foi resolta.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa / Agostime - Europa Press  / Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa / Agostime - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta