Francisco Fernández del Riego, "entrañable,"cariñoso" e "titán da nosa cultura"

"Viu que se podía resistir na actividade galeguista desde o ámbito cultural", salienta o titular de Política Lingüística, Valentín García.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2023 | Actualizada ás 12:34

Comparte esta noticia

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, tivo a oportunidade de coincidir con Francisco Fernández del Riego, homenaxeado nesta edición das Letras Galegas, polo que fala en primeira persoa de como era o creador e impulsor desta efeméride, ao que define como "un titán" da cultura galega.

Francisco Fernández del Riego
Francisco Fernández del Riego | Fonte: RAG

"Estamos ante unha figura que non é só un literato, é un dinamizador cultural, é un home de estrutura, de empresa, de facer país. Del Riego empezou a formarse no galeguismo desde moi novo, pero despois, tras a Guerra Civil, encárgase, como un auténtico titán, de crear unha estrutura que non existía ou que fose destruída; unha estrutura que mantivese viva a cultura galega, a lingua galega e a idiosincrasia de Galicia. Nese sentido, é un titán da nosa cultura", reivindica o responsable de Política Lingüística nunha entrevista a Europa Press.

Con todo, do seu contacto máis próximo cun dos fundadores da editorial Galaxia, Valentín García queda con que era un home "moi entrañable e moi cariñoso, que sabía escoitar e preguntar", ademais de ser "moi amigo dos seus amigos" e "un gran conversador". "Non presumía das múltiples cousas que fixera. Contaba todo coma se fosen anécdotas. Tiña esa humanidade inmensa que teñen os grandes", lembra.

Para Valentín García é "de máxima xustiza" que Francisco Fernández del Riego pase a formar parte da lista de homenaxeados na festa da lingua e a literatura galega. Ademais, reivindica a súa aposta pola actividade cultural tras a "actividade política na súa mocidade" que, "evidentemente, na posguerra ten que abandonar".

Nese momento, relata García, del Riego "viu que se podía resistir na actividade galeguista desde o ámbito cultural" e, segundo sostén o secretario xeral de Política Lingüística, "nunca quixo volver á política", quedándose no ámbito da Editorial Galaxia, na Real Academia Galega ou na Fundación Penzol e "sempre como un traballador incansable".

PENZOL E GALAXIA

"Del Riego é a Fundación Penzol e a Fundación Penzol é del Riego", así de conciso é Valentín García cando se lle pregunta pola importancia desta institución na vida de Don Paco e cando fai referencia a este fondo cultural bibliográfico "insólito na Galicia daquel momento". "Desde aí é desde onde del Riego levou a cabo moitas iniciativas, estudos e colaboracións. Foi a alma máter desta Fundación", sinala.

Ademais, García defende o papel de "ponte" de del Riego coas personalidades galegas que emigraran e atopábanse no exterior cos que se quedaron en Galicia. E é que entre eses dous grupos había "dúas realidades que sempre tiveron sensibilidades distintas", con matices "distintos" na actividade cultural e política. Por iso, Francisco Fernández del Riego "sempre foi un home ponte", con "moi boa relación cos exiliados de América" e tamén "cos do interior".

"REFERENTE"

E máis aló de todas as facetas que se comentaron ata o momento, Valentín García tamén valora o papel de del Riego no mundo da empresa, "ponte con industrias pesqueiras como Pescanova" ou o seu traballo á fronte dunha institución como a Real Academia Galega. "É un referente dos homes daquela época", resume o representante da Xunta, "que tiñan a conciencia de que estaban a construír un país" e que atendían "a todos os ámbitos e a todos os sectores".

"Nada lles era alleo", sostén García, porque tiñan a "conciencia" de que había que construír unha Galicia "practicamente a partir de cero e, por tanto, non se lles podía escapar nada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta