Unha Brigada deseucaliptizadora de Galicia actuará na Serra da Estrela, en Portugal

A acción decorrerá entre os días 28 de abril e 1 de maio.

Por Galicia Confidencial | PORTUGAL | 17/04/2023 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Uns cincuenta participantes de distintos puntos de Galicia e Portugal desprazaranse até o Parque Natural da Serra da Estrela, no país veciño, para formar parte de accións prácticas de eliminación de especies exóticas invasoras, sesións de formación e debate e un foro de iniciativas cívicas na zona cero dos incendios que afectaron o centro de Portugal o verán pasado.

Plantación de eucaliptos en Portugal
Plantación de eucaliptos en Portugal | Fonte: CG

As xornadas, que decorrerán entre os días 28 de abril e 1 de maio, están organizadas desde o proxecto europeo Erasmus+ Vemo-nos no monte!. Esta iniciativa céntrase na aprendizaxe de persoas adultas basada no traballo práctico, buscando xerar unha maior capacitación na xestión de especies exóticas invasoras, con énfase nas especies de acacia.

O campamento terá a súa base en Figueiró da Serra, no concello de Gouveia, e dará continuidade ao anterior encontro transfronteirizo celebrado o pasado mes de febreiro a ambos os dous lados da fronteira no Xurés/Gerês, e ás accións organizadas o ano pasado en terras galegas e portuguesas.

Trátase dun proxecto que impulsan, do lado galego, a Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais de Galicia e Norte de Portugal) como coordinador, a Fundación Montescola e Verdegaia, e do lado portugués, À escuta e Veredas da Estrela.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta