O Grupo Moll inicia unha nova etapa en Galicia para competir co Grupo Voz pola hexemonía da prensa en Galicia

Arrinca a nova etapa de El Correo Gallego con Xaime Leiro como director "definitivo" tras varios meses como interino.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2023 | Actualizada ás 22:49

Comparte esta noticia

'El Correo Gallego', o "xornal da capital", arrincou oficialmente este luns unha nova etapa tras a súa incorporación a Prensa Ibérica coa toma de posesión de Xaime Leiro, ata agora director provisional, como director "definitivo" e o reto, en palabras do presidente do Grupo, Javier Moll, de converterse no medio "multidixital".

A posta de longo da cabeceira histórica, nada hai 145 anos, contou co respaldo de distintas autoridades, como o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, o recentemente nomeado delegado do Goberno, José Ramón Gómez Besteiro, representantes de todas as forzas políticas e institucións, militares, da sociedade civil e eclesiástica.

O acto arrincou coa intervención do presidente do Grupo Prensa Ibérica, Javier Moll, quen proclamou que é "un reto e un orgullo sumar unha cabeceira histórica" e que esta unión supón afianzar o "vínculo" e "compromiso" con Galicia, sumándose a 'Faro de Vigo' e 'La Opinión' da Coruña. O presidente do grupo xornalístico comprometeu o mesmo "rigor" informativo sen obviar as novas xanelas de comunicación, "novos formatos e modelos de negocio", e mostrouse seguro que de se abre unha "xanela para coñecer mellor o que ocorre en España e no mundo".

Posta de gala de 'O Correo Galego', coa toma de posesión de Xaime Leiro como director tras a incorporación ao Grupo Prensa Ibérica
Posta de gala de 'O Correo Galego', coa toma de posesión de Xaime Leiro como director tras a incorporación ao Grupo Prensa Ibérica | Fonte: Europa Press

COMPETENCIA POLO DOMINIO DA COMUNICACIÓN EN GALICIA

A aposta do Grupo Moll por El Correo Gallego ten un gran trasfondo no mundo da comunicación en Galicia. Competiu por unha cabeceira moribunda cunha oferta, a priori, menos ambiciosa que que lanzara o consorcio das empresas ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital.

Unha oferta que mantiña o espírito e ao histórico director do medio, José Manuel Rey Nóvoa, e contaba co respaldo do Grupo Voz, tal e como informu Galicia Confidencial, que tamén amosou o seu interés en facerse con esta cabeceira pero, acabou finalmente, botandose atrás por razóns económicas. Con todo, mostrou durante a poxa o seu compromiso de colaboración coa oferta de ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital no caso de que se fixesen co control do histórico xornal fundado en 1878.

Precisamente, a pesar de que La Voz foi moi crítico nas súas informacións contra o empresario José Ramón García, fundador de Blussens  e dono de ACCA Media, tras os seus problemas coa xustiza, finalmente, decidiu apoialo para evitar que o Grupo Moll se fixera con El Correo Gallego. E é que o grupo de comunicación catalán, coa adquisición da cabeceira de Compostela faise con xornais en tres das principais cidades galegas e érguese como un dos principais competidores mediaticos de La Voz en Galicia. Iso significa influencia e, significa, tamén máis subvencións e cartos públicos de concellos, deputacións e Xunta.

Agora, o Grupo Moll é dono de Faro de Vigo que é o gran xornal do sur de Galicia, El Correo Gallego con gran implantación na área de Santiago e La Opinión de A Coruña, que abarca a área metropolitana coruñesa. En total, case 190.000 lectores diarios, o 32% do total dos lectores de Galicia e nun proxecto xornalístico en crecemento.

XAIME LEIRO

Finalmente, un dos históricos xornalistas de El Correo Gallego, Xaime Leiro, seguirá como director nesta etapa tras asumir este posto interino durante os últimos meses para facer o que nesta casa denominaron unha "transición tranquila".

Segundo puido saber Galicia Confidencial, o Grupo Moll decidiu confiar en Leiro tras valorar a "seriedade" do seu traballo nos difíciles momentos da transición e logo de non prosperar distintas negociacións que mantivo abertas con outros xornalistas do grupo, especialmente do Faro de Vigo, para que se fixeran cargo de El Correo Gallego.

LIBROS DE HISTORIA

Na intervención deste luns, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou que 'El Correo Galego' é dos "mellores libros de historia" de Galicia e, do mesmo xeito que o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, eloxiou aos traballadores sen obviar os tempos complicados que viviron na súa etapa anterior pero que conseguiron "chegar a este momento de hoxe nun proxecto ilusionante".

Roda tamén destacou a aposta por "arraigamento" territorial e destacou que Prensa Ibérica "non está en Galicia, senón é que é parte fundamental de Galicia". Do grupo, destacou o seu que é "reflexo dun país unido" e agradeceu a aposta dos fundadores, Javier Moll e Arancha Sarasola.

LONGO PROCESO

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña outorgou a venda ao Grupo Prensa Ibérica por 1,6 millóns de euros de Editorial Compostela, titular da cabeceira santiaguesa El Correo Gallego, ao considerar que a súa oferta no proceso concursal garante a continuidade da actividade e o cumprimento cos acredores.

Esta decisión foi recorrida polo consorcio de ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital. Pero o xulgado do Mercantil número 2 da Coruña ratificou esta adxudicación e desestimou o recurso. Nun fallo emitido o pasado xoves 12 de xaneiro contra o que non cabe recurso, o xulgado confirma definitivamente a venda por 1,6 millóns de euros ao grupo Prensa Ibérica ao entender que as entidades recorrentes non achegaron "documentación acreditativa da súa solvencia económica".

A documentación presentada por esta empresa e que recolle a sentenza reflicte que conta cun capital social de 3.005 euros e un persoal de 450 traballadores, algo que a maxistrada non considera acreditado. Ademais, apunta que outra das compañías (Numancia Capital) non achegou as contas anuais "de ningún exercicio".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta