Ollo... As farmacias terán un novo horario a partir do 9 de febreiro

O novo decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das farmacias en Galicia garante unha de garda a menos de 15 quilómetros ou 15 minutos de cada PAC.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 11:40

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres o novo decreto de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia en Galicia, un decreto que entra en vigor o próximo 9 de febreiro e no que tamén se recolle o número de profesionais necesarios para levar a cabo a atención ao público nestes establecementos.

Con respecto aos horarios (que poden ser adaptados e modulados sempre que se atenda ás necesidades da poboación), establécese unha xornada mínima de atención ao público de 38,5 horas semanais, con xornadas diarias dun mínimo de 7 horas de luns a venres. Os sábados, o texto recolle que, de modo xeral, o horario mínimo obrigatorio será de tres horas e media.

As oficinas de farmacia tamén poderán optar por abrir máis aló destes horarios mínimos, ampliando a súa atención ata as 13 horas e media ao día (de 8,30 a 22,30 horas) ou cun horario continuado de 24 horas todos os días do ano.

Con respecto ao persoal, fíxase a obrigación de polo menos un farmacéutico titular en locais con apertura ao público de ata 52,5 horas; as farmacias con apertura entre 52,5 e 92,5 horas deberán contar tamén con polo menos un adxunto, e se a xornada é de 92,5 a 132,5 horas, deberán ser dous adxuntos. As farmacias con máis horas de apertura deberán dispor de polo menos tres adxuntos.

As quendas de garda, que son organizados polos Colexios oficiais de cada provincia, deben contar coa presenza física de polo menos un profesional e só excepcionalmente poderán realizarse quendas de garda localizada.

"ÁREAS DE REFERENCIA DA PAC"

Como xa adiantara a Xunta, o novo decreto inclúe, para regular as quendas de garda, o concepto de "áreas de referencia da PAC (Puntos de Atención continuada).

Deste xeito, establécese que polo menos unha farmacia debe prestar servizo de garda para garantir o acceso ás persoas usuarias que coincidan xeograficamente co emprazamento da PAC. En todo caso, as farmacias da quenda de garda de cada área de referencia deben estar emprazadas a menos de 15 quilómetros ou menos de 15 minutos dese centro sanitario.

Finalmente, o decreto tamén regula as condicións das vacacións e peches temporais, así como a cobertura que debe garantirse á poboación nestes casos en cada zona.

Un sinal luminoso da cruz verde á entrada dunha farmacia
Un sinal luminoso da cruz verde á entrada dunha farmacia | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta