Falar galego para ser galego

Que facer para cambiar a tendencia.

Por Serafin Pazos | Bruxelas | 18/01/2023

Comparte esta noticia
O recente anuncio do INE que o galego deixou de ser a lingua maioritaria en Galicia provocou bastantes reaccións, alomenos entre a opinión publicada. Resulta cando menos sorprendente, pois este anuncio xa se fixo no 2014. Para a maioría da poboación este feito pasou desapercibido, ocupados coa derradeira vítima da violencia de xénero nalgún lugar de España ou Bolsonaro.   
 
Outros xa asumimos con dor hai 9 anos esa mesma efeméride. Orgullo Galego publicou, lamentándoo, na súa páxina de Instagram que “Por fin, logo de dez séculos” ocorreu o que todo o mundo daba por descontado.  Nun ángulo diametralmente oposto Carlos Luís Rodríguez agora na Voz falaba de que a desaparición do galego era senón desexable algo que non era para tanto. Ao cabo tamén arden os montes e desaparecen as especies polo cambio climático. E que, por suposto, ninguén é máis galego por falar galego. 
 
Por suposto, os datos de agora coma os de hai case unha década son sutís. Coma apunta o profesor Mauro Fernández en Praza, o milagre das maiorías lingüísticas no Censo de Poboación fai que, segundo que criterio se mire, tanto o galego e coma o castelán son o idioma maioritario. Porque nunca se pregunta en que idioma pensas, o cal é moito menos ambiguo e menos controvertido. Non sexa que se removan as augas da paz social. 
 
Aínda así, o devalo é evidente. A clases medias-baixas galegas mercaron o modelo da sociedade de consumo para democraticamente adquirir o que lles venden desde o Estado-Mercado centrado en Madrid, coa axuda das multinacionais norteamericanas con base en Miami. No ano das “Tanxugueiras” o 40% da rapazada non coñece a ningún músico galego.  
 
Nesta cuestión predomina o fatalismo (xa nos 80 cando os galegofalantes eramos de lonxe maioritarios se nos falaba en clase de galego na EXB do último falante de Dálmata) , a despersonalización ( fálase de “o galego” e non dos “galegofalantes”) e o non meterse en problemas: é altamente improbable que a maioría daqueles formalmente comprometidos co galego, sexan profesores de escola ou xornalistas da TVG, pasaran noites sen durmir ao coñecer a noticia de decembro de 2022 ou a mesma nova de maio de 2014. 
 
 É simplemente un tema do que non se fala. Facelo pode resultar en perder máis ca un amigo, un traballo, un familiar, unha posición social. Nese senso teñen razón sucesivos presidentes da Xunta en facer correr a cortina de fume do “bilingüísmo cordial”: para que meterse en lerias que todo son problemas e no fondo tanto os que o falan como os que non dan por descontado o resultado final?  Non é no fondo a TVG unha especie de terapia paliativa para confortar na súa terceira idade á maioría dos seus falantes? 
 
En Galicia non se fala disto , ou se vai pola tanxente das políticas públicas de “cando gobernemos nós”. Coma se aplicar políticas de Estado-nación do XX (escola, medios de comunicación, subvencións) funcionen no XXI das redes sociais. E sen ter sequera Estado propio. Coma para confiarse aos funcionarios da Xunta, un colectivo que nin particularmente sinte o autogoberno e que ten os prexuízos lingüísticos da maioría da poboación, senón mais o contrario por aquilo de ter accedido por oposición ao estatus vitalicio de clase media ben. 
 
Non nos enganemos. E o destino do galego cambie depende do destino dos galegofalantes. E iso é algo moi perigoso, pois supón darlle a volta á xerarquía imperante na nosa sociedade. Como vai aceptar alguén que se cre ser alguén por falar español (á veces nesta sociedade nosa, a miudo tan precaria economicamente, esa lingua é o único que ten para diferenciarse) vai aceptar que a forma correcta de expresarse é aquela da purrela da nosa sociedade? Labregos ensinando a falar a catedráticos?  Por algo na Galega falan -con notables e recentes excepcións- unha versión domesticada, acastrapada, do Galego. Non sexa que pensen que son do monte, que falamos galego porque está no estatuto, e só diante das cámaras. Moito menos aos meus fillos. 
 
E é así que un volve cos fillos polo Nadal e todo o mundo insiste en falarlles aos cativos en español, un idioma que aínda coñecen só tanxencialmente (mellorará; grazas a un “Clan” omnipresente que vence por incomparecencia a un “Xabarín” para cuarentóns), malia a evidencia que teñen un nivel nativo de galego malia criarse fóra.  Comportarse coma fan os portugueses cos galegofalantes. Non lles cabe na cabeza que poidas falar algo que non sexa o Español. Supón romper moitas normas sociais non escritas, moitas xerarquías que todos coñecen malia non aparecer en ningures.   
 
E aínda así ver a unha nena, influenciada por estar por uns días rodeada por galegofalantes, xogar coas bonecas en galego, coma se fose o seu idioma materno, é presenciar a milagre da continuidade e do renacer de Galicia. Aínda así podes ter nenos de dez anos que nunca falaran con outro neno en Galego, senón maiormente con xente de máis de sesenta. 
 
“Que facer?” como dixo Lenin.  Manuel Gago di atinadamente que se os galegofalantes MEDRAN n´O Barbanza é porque hai dinamismo económico, porque hai empresas, e empresarios galegofalantes.  Xusto o contrario do emigrante que fixo fortuna ou o pequeno empresario do rural galego que non perde o tempo para mandar os seus fillos á Universidade de Navarra e logo pórlles un piso en Madrid. E mercar un amarre no club de iates de Sanxenxo.  
 
Non se fai aquí un argumento neoliberal, carente de políticas púbicas. Pero os galegos, xente moi pragmática, seguro que reaccionaban doutro xeito se, non só falar galego, senón ser galegofalante contase. Non coma un mérito, senón coma un requisito. Non é para defender aquí as cotas e a discriminación positiva (non digamos que haxa que ser galegofalante para traballar en segundo que postos) ou políticas tan desastrosas coma o “Black Economic Empowerment” de Sudáfrica ou a “Ivoirización” de Costa de Marfil.  Simplemente que hai que cambiar os incentivos. 
 
Pero non nos enganemos, nada se conseguirá se seguimos a falar dun idioma, que ao final so é un código e que persistirá eternamente namentres haxa filólogos e a Biblioteca do Congreso dos EE.UU., e non dos seus falantes, que son os que sofren, maiormente en silencio, o estigma , o desprezo ou o paternalismo. Son eles os que deben deixar de preguntarse “para que vale o galego”. E deixarse e tirar pola tanxente do útil que é o galego para falar portugués. Non precisan de nós en Brasil para falar con Iberoamérica, e ata o castelánfalante máis testán aprende a falar un portugués excelente cando lle vai a carteira nisto.  
 
Nada cambiará ata que os galegofalantes se convenzan de que ser para ser galego hai que ser galegofalante. Non podes ser islandés sen falar islandés, ou xaponés sen falar xaponés. Podes ter pasaporte nipón pero nunca serás xaponés. Do mesmo que podes ter a residencia administrativa en Galicia. Coma ser galego mais non tela. “Galego” ou “Gallego” , mesmo “Gal(l)ego + X”, son  termos homónimos máis non sinónimos. 
 
Por suposto, esta afirmación é explosiva. E non se trata de proclamala, senón que debe ser unha convicción íntima. É unha afirmación perigosa, coma noutros sitios onde se produciu unha aculturación salvaxe coma a galega (acabo de facer 20 anos en Bruxelas, e a moi recente maioría francófona que veu do campo flamengo na posguerra mundial prefire morrer de fame a aprender neerlandés). Non descartemos que facer tal afirmación no espazo público suscite reaccións violentas, mesmo por parte de certos galegofalantes, que fagan aos de VOX pasar por socialdemócratas.  
 
Tal é a violencia estrutural que agocha a nosa sociedade: ante o risco dun cambio de tendencia cara os galegofalantes non costaría moito cambiar todo o sistema de dereitos e protección do galego (e por tanto dos galegofalantes) que con tanta dificultade se gañou co autogoberno e a democracia. Non é que nos proscriban, cómpre simplemente cambiar unhas cantas leis, e con tanta xente en posicións de decisión e execución doadamente activables en contra do galego e os galegofalantes, para en cuestión de meses nos reduzan ao estado de desprotección que un pode ver na Galicia oriental irredenta, parte de Navarra, Valencia, a franxa do poñente aragonés, Ceuta e Melilla. 
 
Trátase máis ben de obrar en consecuencia con esta afirmación. Non ir contra de ninguén, senón a favor dos galegos. Que o feito de ser galegofalante sexa un ben en si mesmo para calquera outro galegofalante. No traballo, nas relacións. Independentemente que che caia ben ou non. Apoiar uns a outros e non subcontratalo á Mesa no mellor dos casos. Pór o teu propio diñeiro e a túa cara.   
 
E aproveitar as avantaxes que SI ten ser galego. Vexamos: segundo o catálogo Ethonologue, a coñecida biblia das linguas, os seus falantes están entre os máis afortunados do mundo. Aínda superamos o millón de falantes, é un idioma oficial e estandarizado. A maioría da poboación pode falalo. É doado de aprender. Está no ensino e ten abundantes recursos. Eu podo ir andando polo centro de  Tokio buscando onde xantar e Google Map tradúceme automaticamente os menús dos bares. Empezar a choiar nun novo emprego en Bélxica e ao abrir o teu perfil persoal de Microsoft Outlook no ordenador do traballo todo o sistema está en galego por defecto.  Ter unha industria cinematográfica que gaña premios.  
 
Pero claro, supón tamén queixarse a Microsoft que nas novas versións xa non vén todo en Galego. Que Google poña por defecto os topónimos galegos na barbarie que se apoderou da Wikipedia española  (mesmo cando tes o teu dispositivo configurado en Galego, cousa que poucos facemos). Que agora a web da Xunta apareza por defecto en español. Que a nosa industria cultural e mediática (“o sistemiña” que di Fernández Barba) sexa un micro-minifundismo competindo, máis que colaborando, pola magra subvención do poder que apreta para ir afogando. Ou aceptar resignadamente e mesmo con bo humor, que os coreanos de Hyundai, cultura puritana que refuga dos momentos embarazosos, vendan aquí un coche chamado Kona cando alén Miño chámase Kauai. 
 
Supón tamén asumir que a Galicia da antes, onde ser galego, galegofalante e vivir ou descender de Galicia era practicamente o mesmo xa non é, nin vai ser posible. A maioría da galeguidade (o non é sinónimo de galego, senón que intersecta con este termo) cruzou o Limia do esquecemento e dificilmente vai voltar connosco. Os galegos fomos un pobo, non fomos quen de ser (estado)nación e ao máis que nos queda agora é  sermos unha tribo. A similitude africana non lle gustará ao criptorracista pero é o que nos espera no mellor dos casos. Unha tribo aberta, pois calquera que se converta en galegofalante renace galego. Pero sempre vivindo na precariedade.  Dicía o recentemente finado papa Benedito para garantir a pervivencia do cristianismo é preferible centrarse nos crentes que seguir aferrándose na ficción dos centos de millóns de fieis que só o son nominalmente.  
 
Os galegofalantes somos os que somos pero para iso precisamos de recoñecernos entre nós mesmos: os galegos somos nós. 

Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua
Manifestación de Queremos Galego a prol da lingua | Fonte: queremosgalego.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serafín Pazos Analista político, dacabalo entre Bruxelas, onde reside, Escocia, onde traballa, e Galicia, onde ten a cabeza. Escribe a título persoal. @SerafinPazos