O PSdeG urxe máis fondos para a Amtega, que faciliten poñer a Galicia á cabeza da implantación do 5G

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2023 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A viceportavoz parlamentaria do Grupo Socialista e portavoz de I+D+i, Leticia Gallego, reclamou este mércores á Xunta que reforce o orzamento da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) co obxectivo de apontoar unha "aposta potente e rotunda pola transformación dixital", xa que Galicia está "en risco de perder o tren" deste proceso.

A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias nas que alerta da redución en 12 millóns de euros do orzamento da Axencia, que disporá en 2023 duns 197 millóns de euros, "insuficientes para a gran transformación dixital que necesita" Galicia.

Fronte a iso, Gallego urxe ao Executivo galego a "tomarse en serio" a nova dixitalización, "e máis agora, coas consecuencias que tivo a pandemia sobre as tecnoloxías, a investigación e a innovación".

Paralelamente, sinalou que Galicia "debe estar á cabeza" da implantación do 5G, así como das novas tecnoloxías como a intelixencia artificial, a big data, a automatización de procesos, a robótica, a realidade virtual e aumentada, a impresión 3D ou os drons, entre outros.

En particular, Leticia Gallego sinalou a importancia do 5G na mellora da competitividade, a produtividade, a eficiencia no uso dos recursos produtivos ou na maior calidade ou rendemento dos produtos ou servizos xerados nos distintos sectores económicos. A perda desta oportunidade, asegura, suporá "serias debilidades no obxectivo de sentar as bases dunha recuperación económica sólida".

A deputada socialista Leticia Gallego
A deputada socialista Leticia Gallego | Fonte: PSDEG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta