Talan os cedros no Campus Norte de Santiago a pesares de que a USC asegurou non ter intención de facelo

A asociación Ecoloxistas en Acción así o denunciou este luns, explicando que esta decisión provocará un aumento da temperatura no interior do edificio, o que conlevará un aumento no gasto enerxético.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A asociación Ecoloxistas en Acción denunciou este luns a talla de cedros na parte sur da residencia de estudantes Burgo das Nacións, despois de que a Universidade de Santiago de Compostela (USC) "negase a súa intención de facelo".

Segundo trasladou a organización nun comunicado, a USC indicoulles que "tan só eran labores de mantemento para sanealos e favorecer o seu correcto crecemento", pero que "estaban lonxe de pretender eliminar as árbores". A propia reitoría facía gala no seu escrito de concienciación ambiental anunciando que tanto "o valor natural como vexetal" sería "respectado e potenciado".

Tala de cedros nas inmediacións da residencia de estudantes Burgo das Nacións en Santiago
Tala de cedros nas inmediacións da residencia de estudantes Burgo das Nacións en Santiago | Fonte: ECOLOXISTAS EN ACCIÓN

Deste xeito, Ecoloxistas en Acción criticou que se realizou unha actuación "moi agresiva co tallado de moitos dos cedros do xardín da residencia estudantil" e definiu a poda das árbores que quedaron en pé como "salvaxe", mediante "desmochado dos poucos exemplares que quedaron en pé".

Nesta liña, reclamou á USC que se dote dun modelo de xestión do arboredo "baseado no coñecemento científico e non en crenzas pseudocientíficas ou caprichos de autoridades".

Ademais, insistiu en que a talla deste arboredo da fachada da residencia Burgo de estudantes "provocará efectos non desexados como o aumento da temperatura no interior do edificio, o que levará un aumento no gasto enerxético", xa que a superficie da fachada está ocupada por grandes cristaleiras.

RESPOSTA DA USC

Dende a USC apuntaron a que a actuación dos técnicos de xardinaría nos cedros situados na cortorna da Residencia do Burgo obedecía a unha "necesidade de rareo, tanto dos toros coma das pólas, debido ao crecemento descontrolado dos últimos anos", o que "provocou problemas, tanto nos propios exemplares (por falta de espazo), como nos tellados da residencia (pola acumulación de material orgánico)". 

"Tanto o seu valor en termos naturais e vexetais, como os beneficios que producen para a comunidade e a cidade de Santiago, serán respectados e potenciados mediante a actuación de mantemento proposta polos técnicos de xardinaría", apuntaban.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta