O cinto puido salvar a vida dos dous sobreviventes do accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade

O condutor prestou declaración a última hora do xoves na Comandancia da Garda Civil en Pontevedra.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2022 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

Os dous únicos sobreviventes do accidente de autobús nunha ponte de Cerdedo-Cotobade levaban posto o cinto de seguridade no momento do sinistro que causou sete mortos en Noiteboa.

A Garda Civil conta xa cos testemuños da pasaxeira e o condutor para incorporar á investigación sobre as causas do accidente. O último en prestar declaración foi o chofer, que acudiu a última hora da tarde á Comandancia da Benemérita en Pontevedra. Antes, axentes da Garda Civil desprazáronse ao hopistal onde permanece ingresada a pasaxeira para solicitar a súa versión dos feitos.

Así o trasladaron fontes da investigación consultadas por Europa Press, que confirman que os dous únicos sobreviventes da traxedia levaban posto o cinto de seguridade. Agora, a reconstrución do sinistro determinará se eran os únicos que o levaban no autocar ou se, por contra, algunha das vítimas mortais si o tiña posto no momento da saída de vía.

DECLARACIÓNS

Deste xeito, os relatos dos sobreviventes incorporaranse agora ao dossier que será remitido ao xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra. Tamén pesará a reconstrución do accidente, que o pasado mércores fixeron no mesmo lugar do sinistro axentes expertos chegados de Madrid.

Durante esa xornada, o Equipo de Reconstrución de Accidentes de Tráfico (ERAT) solicitou os datos necesarios para reproducir en simuladores o accidente. Para iso, empregaron drones e sistemas láser para realizar unha copia tridimensional da curva e a ponte, ademais de recoller datos sobre a drenaxe da estrada na zona ou simular a resposta de freada cunha furgoneta.

Máis tarde, desprazáronse ás instalacións de Monbus --empresa titular do autobús sinistrado-- para analizar os restos do vehículo, recuperados do río Lérez no mediodía do martes. Ademais, tamén levaron a cabo a análise dun autocar de características similares.

Varios efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS) participan no labor de izado do autobús accidentado
Varios efectivos do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil (GEAS) participan no labor de izado do autobús accidentado | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta