Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2022 | Actualizada ás 15:55
A Ínsua dos Poetas, no Carballiño (Ourense), serviu de escenario para a conmemoración do 111 aniversario do nacemento do escritor, poeta e xornalista Álvaro Cunqueiro nun acto no que estiveron presentes numerosas autoridades provinciais, municipais e autonómicas, entre elas o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices.
Para o presidente da Xunta, foi a primeira vez nesta paraxe, o cal describiu como "o particular Olimpo das Letras Galegas" da man de figuras que "contribuíron coa súa obra a engrandecer Galicia e facer da súa lingua unha ferramenta de comunicación universal". Entre esas figuras a do homenaxeado, Álvaro Cunqueiro, a quen o mandatario galego enxalzou que "hai que reivindicar moito máis por tratarse dun autor universal recoñecido polos mellores".
Deste xeito, Rueda aproveitou o aniversario para destacar o escritor, orixinario de Mondoñedo, como "un dos máis importantes da literatura galega e española do século XX" con obras maxistrais tanto na poesía como na narrativa e tamén cun brillante papel no xornalismo cultural.
Deste xeito, celebrou que se aproveite unha contorna natural como a Ínsua dos Poetas para "crear cultura" e comprometeu o apoio do Goberno galego, solicitado polo presidente provincial, Manuel Baltar na súa intervención.
Así pois, Baltar foi o encargado de vincular a figura do poeta e escritor coa provincia de Ourense, lembrando especialmente a data do 11 de maio de 1935 cando "deu unha conferencia no salón do Grupo Galeguista baixo o título 'A Poesía, eu mesmo e outras noticias'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.