A taxa de mortes por tabaquismo aumenta en mulleres e descende en homes

A taxa de abandono do tabaco é lixeiramente maior entre os varóns, tamén. A epidemia do tabaquismo causou máis de 1,7 millóns de mortos no Estado en tres décadas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/12/2022 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

O tabaco causou 1.717.150 mortes en todo o Estado no período 1990-2018. Pero o impacto foi diferente por sexo e estase observando unha mudanza que fará que a mortalidade atribuíble ao tabaquismo “aumente drasticamente nas mulleres nos próximos anos”, advirten investigadores nun estudo liderado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o impacto to tabaco na poboación a partir de 35 anos de idade.

Tabaco
Tabaco | Fonte: Pixabay.

Segundo este estudo, entre os homes, a mediados dos 90, os cancros substituíron as enfermidades cardiovasculares como o principal grupo de causas de morte relacionadas co tabaco. No caso das mulleres, as enfermidades cardiovasculares-diabetes-mellitus continuaron sendo a principal causa de morte, aínda que medrou o cancro de pulmón.

Pero talvez o máis rechamante dos resultados deste estudo é que mostran unha diminución na mortalidade atribuíble ao tabaquismo nos homes e un aumento nas mulleres. É por isto que estes investigadores cren “importante incluír unha perspectiva de xénero nas análises de mortalidade atribuíble ao tabaquismo, no deseño de intervencións de saúde pública máis eficaces e completas e no desenvolvemento de políticas de control do tabaco específicas de xénero para frear o seu consumo”, comentan.

Das 1.717.150 mortes atribuíbles ao tabaco entre 1990 e 2018, 1.563.706 foron homes, isto é, o 91% do total

Os datos que manexan mostran que, en España, o tabaquismo activo provocou 1.717.150 mortes entre 1990 e 2018 na poboación a partir de 35 anos, o que supuxo o 12,7% do total de falecementos na poboación neste período (22,3% en homes e 2,3% en mulleres). Do total de mortes atribuíbles ao tabaquismo, 1.563.706 foron homes, isto é, o 91% do total.

Preocupa que 404.174 falecementos causados polo tabaquismo ocorreron en menores de 65 anos, unha cuarta parte do total de mortes por tabaquismo (23,5%) e tamén unha cuarta parte (24,8%) da mortalidade total por calquera causa no mesmo grupo de idade.

En canto ás causas da morte relacionada co tabaquismo, o 42,6% debeuse a cancro de pulmón, o 35,8% a enfermidades cardiovasculares-diabetes mellitus (35,1% e 0,7%, respectivamente) e o 21,6% a enfermidades respiratorias, das cales o 88,4% foron por enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).

DIFERENZAS POR SEXO

As diferenzas por sexo son máis que notables no impacto do tabaquismo. Ademais de representar os homes o 91% das mortes relacionados con fumar, tamén se observaron impactos diferentes nas enfermidades desenvolvidas.

Entre os homes, o principal grupo de causas de morte foi o cancro de pulmón (43,6%), seguidos das enfermidades cardiovasculares-diabetes mellitus (35,1%) e as enfermidades respiratorias (21,4%).

Entre as mulleres, as enfermidades cardiovasculares-diabete mellitus (43,2%) foi o grupo de causas con maior impacto na mortalidade relacionada co tabaco, seguido do cancro (32,5%) e as enfermidades respiratorias (24,3%).

Talvez o máis substancial dos resultados deste estudo é que se está producindo unha caída da mortalidade por tabaquismo nos homes e un aumento entre as mulleres.

Entre as mulleres confírmase unha tendencia á alza das taxas de mortalidade por todas as causas relacionadas co tabaquismo

Así, saliéntase que entre os homes se observou unha tendencia á baixa nas taxas de mortalidade atribuíble ao tabaquismo en todas as causas. A taxa bruta de mortalidade para cardiovasculares baixou de 239,1 a 105,1 casos por 100.000 habitantes entre 1990 e 2018 e foi substituída polo cancro como principal causa de morte nos varóns a partir de 1994. Nas enfermidades respiratorias, houbo tamén unha caída nas taxas brutas de mortalidade a partir de 1999 entre os homes. En 2013, as taxas

Pola contra, entre as mulleres confírmase unha tendencia á alza das taxas de mortalidade brutas por todas as causas relacionadas co tabaquismo. Preocupa que as taxas brutas de mortalidade por enfermidades cardiovasculares-diabetes mellitus veñen aumentando entre as mulleres fumadoras desde o ano 2001. No cancro de pulmón tamén se observou un aumento das taxas brutas de mortalidade en mulleres, pasando de 1,5 a 31,0 casos por 100.000 habitantes entre 1990 e 2018 converténdose na principal causa a partir do ano 2009. De feito, é nas mulleres onde se observa o maior aumento da taxa de mortalidade por cancro relacionado co tabaquismo.

“Os varóns españois comezaron a fumar durante a Guerra Civil Española (1936-1939) e a prevalencia do tabaquismo entre eles comezou a diminuír desde a década de 1970 e continúa a diminuír ata hoxe. Nas mulleres obsérvase que a prevalencia do tabaquismo comezou a aumentar na década de 1960 e a diminuír en 2006, aínda que este descenso foi moi leve”, explican os autores do estudo.

En definitiva, “mentres que nos homes descenderon as cifras de mortalidade por todas as causas relacionadas co tabaco, nas mulleres o escenario é o contrario”, salientan os científicos.

MUDANZAS TAMÉN NO ABANDONO DO TABACO

Outro estudo actual a nivel estatal, tamén liderado pola USC, mostra que en tres décadas tamén se produciu un aumento continuado do abandono do tabaco desde 1987 até 2020, aínda que existen importantes diferenzas segundo a idade e o nivel de estudos.

A proporción de abandono do tabaco aumentou desde 1987 a 2017 un 19,2% nos homes e un 16,5% nas mulleres

A proporción de abandono do tabaco aumentou desde 1987 a 2017 un 18,6%, sendo moderadamente superior nos homes (19,2%) que nas mulleres (16,5%).

Tamén se constatou un incremento do abandono en todos os grupos de idade, pero a proporción do abandono aumentou segundo aumentaba tamén a idade.

O nivel de estudos tamén se mostrou como un factor determinante. Así, as persoas con estudos universitarios mostraron un maior incremento do abandono (32,7%), especialmente se se compara cos de menor nivel de estudos (9%).

A CLAVE, NO CEREBRO

Este mesmo ano, un equipo de científicos anunciou que identificou unha rede cerebral relacionada coa adicción a substancias.

Estes investigadores analizaron as exploracións cerebrais de 129 pacientes (60% homes; idade media de 56 anos) adictos ao tabaquismo no momento no que experimentaron dano cerebral localizado, dos cales 34 experimentaron posteriormente remisión espontánea da adicción (definida como capaz de deixar de fumar facilmente inmediatamente despois da lesión, sen evidencia de desexos ou recaídas). 

Os autores revelan que aínda que as lesións asociadas á remisión ocorreron en múltiples lugares do cerebro, todas elas poderían ser mapeadas como unha rede cerebral específica. 

Científicos descubriron que lesións cerebrais como un ictus poden levar á remisión espontánea da adicción ao tabaco

Os autores conclúen que estes descubrimentos suxiren unha rede cerebral compartida para a adicción a través de diferentes substancias de abuso e potencialmente identifican novos obxectivos para as terapias de neuromodulación destinadas a tratar a adicción. Non obstante, continúan afirmando que é necesaria máis investigación, especialmente sobre os posibles efectos secundarios que poden estar asociados con estes obxectivos.

Polo tanto, semella que as lesións cerebrais que conducen á remisión espontánea da adicción ao tabaco en humanos afectan a parte dunha rede cerebral común, segundo o estudo publicado en Nature Medicine. Outras probas sobre a coincidencia desta rede entre diferentes adiccións a substancias suxiren un novo obxectivo potencial para as terapias de neuromodulación.

Así, lesións cerebrais como un ictus poden levar á remisión da adicción nalgúns casos e esas “lesións que resultan nun beneficio terapéutico poderían axudar a identificar obxectivos eficaces para tratar a adicción”, din os científicos.

COMO DEIXAR O TABACO?

Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC mantén o ‘Programa para Deixar de Fumar’ dende 2020. Este programa desenvólvese en liña a través de videochamadas e co apoio dunha aplicación desenvolvida polo seu equipo investigador, que vén de publicar un paper sobre o seu método.

O método aplicado na Unidade de Tabaquismo da USC mostrou unha porcentaxe de abstinencia do 70% ao finalizar o tratamento

A introdución desta nova aplicación para dispositivos móbiles intelixentes incrementou o éxito do tratamento, xa que o seu uso “facilita deixar de fumar e previr a recaída ao longo do tempo, unha vez que a persoa está abstinente”, sosteñen os responsables do Unidade de Tabaquismo.

Os últimos datos sinalan unha porcentaxe de abstinencia do 70% ao finalizar o tratamento.

Os primeiros resultados sobre a eficacia obtidos con ese programa están a presentarse en distintos congresos internacionais. A combinación desta aplicación xunto co ‘Programa para Deixar de Fumar’ fai deste tratamento “algo novo, facilitando que a persoa se atope acompañada durante todo o proceso de abandono, combinando as sesións co terapeuta xunto a un recurso ao que pode acudir en calquera momento do día e todos os días do ano”, explican.

O ‘Programa para Deixar de Fumar’ é gratuíto, consta de oito sesións, que se desenvolven en grupo e en liña, unha vez á semana e cunha hora de duración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta