O Goberno central aproba medidas extraordinarias para aliviar os petos de máis dun millón de hipotecados

Beneficiarán as familias máis vulnerables e as clases medias, e as entidades financeiras terán un mes para adherirse.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 22/11/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O Consello de Ministros aprobou este martes as medidas acordadas entre o Ministerio de Asuntos Económicos e o sector bancario para aliviar a carga hipotecaria de máis dun millón de familias vulnerables ou en risco de vulnerabilidade pola suba do Euribor, un terzo dos fogares que teñen hipotecas a tipo variable.

A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño
A vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Este paquete de medidas é froito da negociación entre o Goberno, as patronais bancarias (AEB, CECA e UNACC) e o Banco de España e o obxectivo do mesmo é reducir a carga hipotecaria dos fogares de maneira efectiva e ter máis certeza no seu nivel de gasto a medio e longo prazo, podendo elixir, dentro do "menú" que se ofrece, a medida que mellor se axuste ás súas necesidades e situación financeira, explicou a vicepresidenta primeira, Nadia Calviño na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.

A tamén ministra de Asuntos Económicos quixo deixar claro que todas estas medidas "non responden a un risco ou a un impacto macroeconómico" pola suba dos tipos de interese, pois a situación no mercado hipotecario é moi diferente á de 2007, con máis hipotecas a tipo fixo (tres de cada catro das novas hipotecas subscríbense a tipo fixo), redución do prazo medio residual ata o vencemento e unha menor porcentaxe de fogares que dedican máis do 40% da súa renda dispoñible ao pago da hipoteca.

Coas medidas aprobadas este martes actuarase en tres vías: mellorando o tratamento das familias vulnerables, abrindo un novo marco de actuación temporal para familias en risco de vulnerabilidade pola suba de tipos e adoptando melloras, de carácter xeral, para facilitar a amortización anticipada dos créditos e a conversión das hipotecas a tipo fixo.

Para os debedores hipotecarios vulnerables (con rendas inferiores a 25.200 euros ao ano, tres veces o IPREM) ampliarase e reforzará o Código de Boas Prácticas aprobado en 2012, de forma que poderán reestruturar o préstamo hipotecario cunha rebaixa do tipo de interese durante o período de 5 anos de carencia (ata Euribor -0,10% desde o Euribor +0,25 actual). Así mesmo, ampliarase a 2 anos o prazo para solicitar a dación en pago da vivenda, contémplase a posibilidade dunha segunda reestruturación, en caso necesario e amplíase de seis a doce meses o prazo para poder solicitar o aluguer social.

Os fogares con renda inferior a 25.200 euros ao ano que dediquen máis do 50% da súa renda mensual ao pago da hipoteca pero que non cumpran o criterio actual do incremento dun 50% do esforzo hipotecario poderán acollerse ao Código cunha carencia de 2 anos, un tipo de interese menor durante a carencia e un alongamento do prazo da hipoteca en ata 7 anos.

A vicepresidenta destacou ademais que se garante a salvagarda e o mantemento das condicións no caso de cesión de créditos a un terceiro, como, por exemplo, un fondo de investimento.

Doutra banda, proponse un novo Código de Boas Prácticas que dea alivio aos debedores de clase media en risco de vulnerabilidade polo incremento da cota hipotecaria, facilitando ás familias unha adaptación máis gradual á nova contorna de tipos de interese.

Poderán beneficiarse destas medidas os fogares con renda inferior a 29.400 euros anuais (tres veces e media o IPREM) e hipotecas subscritas ata o 31 de decembro de 2022 que teñan unha carga hipotecaria superior ao 30% da súa renda e que subise, polo menos, un 20%.

As entidades financeiras deberán ofrecer a todos estes casos a posibilidade de conxelación durante 12 meses da cota, un tipo de interese menor sobre o principal aprazado e un alongamento do prazo do préstamo ata 7 anos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta