Rueda insiste en Uruguai na súa oferta de retorno aos galegos no exterior tras facelo en Arxentina

O presidente da Xunta comprométese a atender as necesidades da comunidade galega naquel país.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/10/2022 | Actualizada ás 11:43

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ofreceu desde Uruguai aos galegos no exterior atender as súas necesidades e darlles oportunidades para incentivar o seu retorno.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén nun acto en Montevideo (Uruguai)
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, intervén nun acto en Montevideo (Uruguai) | Fonte: Xunta de Galicia.

Na súa intervención na cea do 64 aniversario do Centro Pontevedrés Social e Deportivo de Montevideo, un acto no que tamén estivo presente a vicepresidenta de Uruguai, Beatriz Argimón, Rueda puxo en valor a "galeguidade" das máis de 40.000 persoas residentes no país e, neste sentido, puxo como "exemplo de entidade" ao Centro Pontevedrés no seu labor como sede para manter viva a cultura e as tradicións galegas do outro lado do Atlántico.

O presidente Rueda mostrou "o compromiso da Xunta cos galegos no exterior que queiran beneficiarse de oportunidades empresariais ou de bolsas para que poidan retornar e cursar un máster ou un ciclo de Formación Profesional en Galicia".

Entre as responsabilidades do Goberno galego, sinalou Alfonso Rueda, está a de "corresponder o moito que fixeron" os galegos no exterior por Galicia desde a distancia ao longo dos anos.

"É o momento de abrir aínda máis nosas portas. Non hai maior homenaxe aos galegos que fixeron a súa vida fóra que pór á súa disposición todo o noso apoio", remarcou.

Tras dúas xornadas en Arxentina, Alfonso Rueda desprazouse a Uruguai. Alí, durante o seu primeiro día en Montevideo, tamén asistiu a unha reunión coa Asociación Española de Socorros Mutuos, un acto no que aproveitou para agradecer a súa colaboración e o seu papel como "institución histórica e alicerce do benestar dos galegos en Uruguai".

Ademais, Rueda referiuse ao acordo que alcanzou a asociación co Hogar Español para facerse cargo da xestión da institución. Deste xeito, a Asociación Española de Socorros Mutuos encárgase de "prestar uns coidados especializados vitais aos maiores residentes, moitos deles galegos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta