O Foro Económico retrasa o crecemento económico de Galicia que se afasta das medias estatais

Un informe do Foro Económido de Galicia revela que a economía galega, que previsiblemente alcanzará os niveis previos á crise do covid antes de que conclúa o ano, crece pero a menor velocidade, o que provoca que aumente a distancia cunha economía estatal que presenta un maior dinamismo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2022 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

O ritmo de crecemento da economía galega retardouse durante o últimos seis meses, nos que se acrecentou a distancia cos indicadores macroenómicos e de emprego a nivel estatal, segundo o diagnóstico do Foro Económico de Galicia.

"Imos lentos, atrasados e afastados das medias españolas", sentenciou o expresidente da Xunta e membro do Foro Fernando González Laxe durante a presentación do Informe de Conxuntura Socioeconómica do segundo trimestre de 2022, no que a economía de Galicia creceu un 4,4%, case dous puntos e medio por baixo de España (+6,8%).

O informe revela que a economía galega, que previsiblemente alcanzará os niveis previos á crise do covid antes de que conclúa o ano, crece pero a menor velocidade, o que provoca que aumente a distancia cunha economía estatal que presenta un maior dinamismo.

Esta desaceleración trasládase, segundo o 'think tank', ao mercado laboral galego, onde tamén se observa unha "contracción", cunha variación interanual positiva na ocupación, aínda que por baixo do volume de crecemento da economía (un 3% polo citado 4,4%).

Como subliñou o profesor Patricio Sánchez, os datos do mercado laboral serven para "adiantar o que vai pasar no conxunto da economía", polo que considera que as cifras do segundo trimestre poden ser "unha boa pista do que virá" nos próximos meses.

Os datos de creación de emprego en Galicia débense ao sector servizos --tres de cada catro persoas traballan nalgunha das súas ramas-- e, fundamentalmente, na contratación indefinida polos cambios normativos introducidos na reforma laboral. A outra cara está na construción e o sector primario.

Outro dos aspectos destacados polo Foro é a diferenza do comportamento do mercado laboral galego co do Estado, con brechas "de entre 4 e 5 puntos" en indicadores como a taxa de actividade ou a ocupación.

NIVEIS PRECRISE

Así as cousas, Galicia atópase a cinco décimas de alcanzar os niveis do cuarto trimestre de 2019, último antes do impacto da crise do covid, obxectivo que xa lograron as economías de Francia, Alemaña e Portugal pero non España, que está a maior distancia de conseguilo que a Comunidade galega.

Con todo, Foro considera que é preciso pór en marcha "políticas proactivas" desde a Administración autonómica para reconducir a desaceleración da economía. Para iso, recetan apostar reactivar a industria manufacturera, "potenciar" o sector primario e atallar a "caída moi importante" do investimento privado.

Tamén advirten da desaceleración do consumo privado debido á presión económica sobre as familias, que soportan un incremento en só un ano do 30% en gastos correntes como o carro da compra, a enerxía ou o combustimble.

"HAI QUE FACER ALGO MÁIS"

"Se queremos reactivarnos e ser menos dependentes, hai que facer algo máis", aseverou González Laxe, que demanda ás administracións "novas medidas" para facer fronte "ás novas ameazas e desafíos" que expón un contexto económico mundial marcado pola xeopolítica e os xogos de poder, que levan a unha reordenación das posicións de dominio e á configuración de "bloques rexionais".

Para o catedrático en Economía Aplicada da Universidade da Coruña (UDC) Fernando González Laxe, a economía galega vese "moi afectada" polos "altos niveis de incerteza", polo que a súa recomendación é que a Xunta adopte un papel "proactivo".

"Non se pode facer a máxima de ver e esperar. Non se pode esperar a ver que pasa. Ten que avanzarse, reaccionar, levar a cabo políticas", incidiu o exmandatario autonómico, que reclama "medidas e accións que incentiven a marca país de Galicia" para facer da súa economía un activo "estable e esixente" que o dote de capacidade para "poder competir".

SEN PREVISIÓNS PARA 2023

Con todo, González Laxe evitou realizar predicións de face ao ano 2023 ante a volatilidade do contexto económico que, di, dificulta a posibilidade de levar a cabo proxeccións. "A Airef, Funcas ou o Banco de España vanse a equivocar (coas súas predicións), como fan normalmente", apostilou.

Neste sentido, incidiu en que son as exportacións e o consumo os factores que contribúen á reactivación das economías, polo que no caso galego ve necesario que se reforce desde as administracións a demanda interna, xa que os produtos que exporta Galicia "son moi demandados".

Por tanto, demandou "ambición" á hora de adoptar medidas económicas que eviten que a galega se converta exclusivamente nunha economía de servizo. Para iso, apunta á biotecnoloxía, o madeireiro ou a intelixencia artificial e nanotecnoloxía aplicada, por exemplo, ao naval como segmentos nos que Galicia ten unha oportunidade para "reforzar a imaxe de marca país".

Presentación do Informe de Conxuntura Socioeconómica de Galicia do segundo trimestre de 2022. FORO ECONÓMICO DE GALICIA
Presentación do Informe de Conxuntura Socioeconómica de Galicia do segundo trimestre de 2022. FORO ECONÓMICO DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta