A USC, entre as 500 mellores universidades do mundo

O ránking de Shangai volve recoñecer a contribución investigadora da institución.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2022 | Actualizada ás 11:07

Comparte esta noticia

Un ano máis, e xa van tres consecutivos, o sistema Universitario Galego vese recoñecido polo ránking máis prestixioso do mundo, o chamado ránking de Shangai. Tal clasificación volve situar a Universidade de Santiago de Compostela entre as 500 mellores no mundo: está no intervalo 401-500, unha posición que dende a institución vén "consolidada" e que a sitúa tamén entre as mellores do Estado.

Facultade de Medicina de Santiago de Compostela
Facultade de Medicina de Santiago de Compostela | Fonte: USC.

A edición 2022 do popularmente coñecido como Ránking de Shanghai avalía máis de 2.500 universidades e publica os resultados das mil que encabezan a clasificación. Segundo explican dende a Universidade, os criterios de avaliación inclúen diferentes indicadores de rendemento académico e de investigación, tales como o recoñecemento acadado polo persoal investigador e alumnado egresado nos Premios Nobel ou as Medallas Field ou as publicacións recollidas en revistas de prestixio como Nature ou Science. "Tamén considera o persoal investigador altamente citado na base de datos de Clarivate, os artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e Social Science Citation Index, e o rendemento per cápita das universidades en función da dimensión do seu persoal académico", inciden.

A excelencia destaca tamén en certas materias. No mes de xullo, o Global Ranking of Academic Subjects  (GRAS), elaborado polo mesmo organismo, destacaba a posición da USC en quince ámbitos científicos. En Odontoloxía e ciencias orais a Universidade ocupa en 2022 o chanzo 101-150 a nivel mundial, situándose na segunda posición da contorna estatal. A segunda área máis destacada da institución é a de Ciencias veterinarias, no mesmo intervalo internacional e na oitava posición entre as universidades españolas incluídas na clasificación.

Outros eidos que acadan posicións sobranceiras son Farmacia e ciencias farmacéuticas que ocupa o intervalo 151-200 (posición 4-5 de España), mentres que Ciencias políticas se sitúa no posto 201-300 (4-5 de España), igual que Física (chanzo 8-11 de España),  Hostalaría e xestión do turismo (intervalo 16-20 de España) e Ciencias da Alimentación e Tecnoloxía (19-27). Séguenlles no intervalo 301-400, Ciencias ambientais e enxeñaría, así como Biotecnoloxía, as dúas no banzo 5-10 da clasificación española do ránking.

No intervalo 301-400 destacan Química (que acada o posto 11 na clasificación estatal), Ciencias agrícolas (11-19 da mesma escala) e Matemáticas (no banzo 12-15). No 401-500 o ránking salienta Ciencias biolóxicas (12-18 na contorna estatal), Educación (14-22) e Ecoloxía (19-24).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta