Por E.P. | Santiago de Compostela | 09/08/2022 | Actualizada ás 17:33
Os ingresos das lonxas galegas pola venda de polbo na última campaña (2021-2022) triplicáronse en relación con 2020-2021, facturando máis de 15,5 millóns de euros, o que "constata a recuperación da especie en Galicia". Así o reivindicou a conselleria do Mar, Rosa Quintana, este martes durante a súa visita á lonxa de Bueu, onde se reuniu con representantes da confraría de pescadores e onde analizou a evolución do sector nos últimos meses.
Quintana destacou que a campaña do polbo 2021-2022 foi a mellor dos últimos anos ao facturar máis de 15,5 millóns de euros, o triplo que en 2020-2021 (afectada pola pandemia), e tras vender 1.700 toneladas de polbo nas lonxas de toda Galicia.
Ademais, entre xullo do ano pasado e maio deste ano o prezo medio, de máis de 9 euros o quilo, foi o máis alto das últimas tres campañas en primeira venda. No caso concreto de Bueu, na campaña pasada comercializáronse máis de 106 toneladas de polbo, case o triplo que en 2020-2021, cunha facturación que superou o millón de euros e un prezo medio de 9,7 euros o quilo, un 45% máis que a media histórica e sendo o segundo valor máis alto da serie, só superado pola campaña de 2017-2018 (9,93 euros).
"Estes datos son un reflexo de que a evolución do polbo é cíclica", engadiu Quintana, quen explicou que a abundancia na actualidade de exemplares xuvenís apuntan a unha mellora dos resultados na campaña actual.
En concreto, nas cinco primeiras semanas da campaña actual, que comezou o pasado 4 de xullo, as vendas de polbo nas lonxas galegas xa alcanzaron as 230 toneladas, cun prezo medio de 8,80 euros o quilo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.