Cal é o límite do turismo?

Entendo que partimos da base de que o “canto máis, mellor” non pode ser sostido por ninguén. Ou, polo menos, por ninguén que se teña parado a pensar cun pouco de perspectiva [...] E é que, miren, os destinos turísticos son máis ou menos atractivos para as potenciais persoas visitantes por unha serie de recursos que posúen, sempre limitados...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 10/08/2022

Comparte esta noticia
Opinar non é sinónimo de fornecer respostas axeitadas para todos os temas sobre os que escribimos. Moitas veces non as temos ou, aínda que un posúa un determinado criterio, este está demasiado suxeito ao punto de vista do observador. Polo tanto o exercicio de opinión tamén se enmarca na procura das boas preguntas. Desas que moitas veces permanecen elípticas, e poucas persoas fan. E ser quen de expoñelas con sosego, sabendo que o mero feito de formulalas moitas veces xa xera polémica...
 
Hoxe, mirando ao mar, teño comigo aquí unha desas preguntas sinxelas, sinceras e francas, que non deixará a ninguén indiferente. E é a mesma que figura no título deste artigo:  “Cal é o límite do turismo?”.  Eu non teño a resposta, na liña do que xa dixen. Pero si que me atrevo a falar algunhas das condicións de contorno que poden ser baralladas para obter unha ou outra contestación. Condicións que, segundo se modulen, darán pé a moi diferentes escenarios, como base dun necesario e san debate, que creo en Galicia está pendente.
 
Entendo que partimos da base de que o “canto máis, mellor” non pode ser sostido por ninguén. Ou, polo menos, por ninguén que se teña parado a pensar cun pouco de perspectiva. E é que, miren, os destinos turísticos son máis ou menos atractivos para as potenciais persoas visitantes por unha serie de recursos que posúen, sempre limitados. Eses poden ser desde o seu patrimonio cultural ao natural, pasando polo eido gastronómico, a variedade e calidade das actividades que se desenvolven nos mesmos, ou moitos outros. E todos entenderemos que, facendo un exercicio de proxección cara ao escenario de infinitos visitantes, o resultado non é viable. E, por iso, non podemos falar nunca de que sempre hai sitio para máis. As praias ou os bosques, por exemplo, teñen o seu límite de sostibilidade e os recursos hostaleiros e hoteleiros tamén, como tampouco hai forma de meter nun teatro máis espectadores e espectadoras dos que caben, nin facer infinitas funcións nas vinte e catro horas do día. Da mesma maneira as traídas de auga potable ou as infraestruturas de saneamento teñen certa capacidade, e non máis, sendo estas cuestións moi sensibles. Así as cousas, un límite é necesario. Moi ben, ata aquí entendo que todos estamos de acordo. Pero... cal é ese límite?
 
Eu son dos que pensan que na ecuación para dilucidalo non poden entrar unicamente os elementos máis facilmente expresados en termos cuantitativos, senón que tamén haberá que contar con certos intanxibles moi relacionados coa lóxica do destino que analicemos. Por exemplo se temos unha vila termal moi tranquila, ideal para estancias de repouso e de coidado das persoas, e niso reside a súa esencia e mais a súa oferta, non terá moito sentido apostar por un turismo masificado, no que se perda a capacidade de provisión de tales recursos cunha certa calidade, non? Hai que ter moi en conta que busca cada quen nos diferentes lugares e, a partir de aquí, ser quen de planificar moito máis aló do curto prazo.
 
Non sei se son as campañas de promoción da nosa comunidade a nivel nacional e internacional as que están dando os seus froitos. Ou quizá sexa tamén a evolución do meteorolóxico, e probablemente do climático con maior perspectiva, a que estea sentando tamén a tendencia de identificar Galicia como lugar idóneo para pasar, polo menos, unha parte das vacacións. Así, a progresión no número de visitantes na nosa comunidade vai “in crescendo”. Estamos hoxe xa en determinadas zonas nunha situación de certa saturación? Desde logo,  eu percibo algúns signos de que isto pode estar ocorrendo.
 
Pasaron vostedes por algunha das nosas vilas costeiras máis senlleiras nestes primeiros días de agosto ou xa desde os últimos días de xullo? En moitas delas é complicado ir ás praias ou dar un paseo polas rúas principais, obter cartos no caixeiro automático ou facer algo tan básico como mercar nas tendas, nas que o máis básico está ás veces un tanto esgotado pola demanda. E xa non digamos o de aparcar un automóbil, o que é imposible de forma recorrente durante todo este período. Todo ilo xera prexuízos importantes para residentes e para os propios visitantes, de forma que repercute nunha peor calidade de vida nestes meses tanto como lugar de residencia habitual ou como destino turístico.
 
Exemplos hai de como non se deben facer as cousas, e parte do Mediterráneo ten xa desde hai décadas ese tipo de problemas. Ou algúns dos lugares máis visitados internacionalmente, que sofren as dificultades dun turismo masivo non regulado de forma conveniente. Estiveron vostedes en Venecia? E que me din do que acontece, moito máis cerca, en Barcelona? Ocórrelle a Compostela isto mesmo? Porque o enorme poder atractivo do Camiño e, en conxunto, da singular e bela cidade galega está a facer que transitar xa por determinadas zonas sobranceiras dela sexa verdadeiramente complicado... E que me din do caso de Sanxenxo ou O Grove, vilas pioneiras na masificación nestas datas?
 
Non me entendan mal. Son dos que cren que a dinamización económica é positiva, e que non podemos permanecer pechados ao mundo. Pero entre iso e unha “barra libre” turística onde cada quen fai o que lle peta hai graos, e penso que corresponde á Administración regulalos. Vou poñerlles outro exemplo que creo que é lacerante... Penso que o “turismo de furgoneta” está moi ben, e que hai que facilitarlle as cousas tamén aos visitantes que optan por tal tipo de mobilidade e aloxamento, moitas veces ligados a modalidades deportivas concretas, como as náuticas. Pero diso a unha completa invasión sen control en moitos dos lugares máis sensibles da nosa xeografía hai un mundo, e o que non pode ser é que camiñando cara a Ponzos ou outras praias atopes xente literalmente acampada coa súa furgoneta en medio dunha duna ou da senda peonil. Ou que tampouco poidas case aparcar en Vilarrube, ateigada de todo tipo de vehículos deste tipo,  ou que Doniños ou Baldaio-Razo estean convertidos xa en parques temáticos. Recursos para as furgonetas? Por suposto, e pareceríame ben que infraestruturas como determinados aparcadoiros controlados e dotados de servizos fosen incluso de balde. Pero o que non pode ser é que, en ausencia destes ou da máis mínima regulación, cada quen faga o que queira. Porque si, haberá xente moi respectuosa cos demais e consciente dos seus dereitos e deberes. Pero noutros casos, lamentablemente, non é así.
 
En fin, cóntenme vostedes, que eu xa lariquei bastante. Eu creo e sempre crin que Galicia ten unha potencialidade turística descomunal e que, de feito, isto xa é unha realidade. Pero... iremos máis alá do razoable cargándonos a sostibilidade desde todos os puntos de vista e, ademais, á galiña dos ovos de ouro? Non é tan raro o que digo, oh, que xa pasou máis dunha vez en máis dun territorio....
 
Hoxe compartín con vostedes algunhas ideas sobre o indiscutible dereito de todos e todas a coñecer novos sitios e a movernos. Pero... todos á vez?  Ou haberá algunha outra alternativa, máis sostible? Xa me dirán que lles parece.  Cóidense moito. Deséxolles un bo tempo de verán.  
 
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Un grupo de turistas canta cunha tuna nunha praza de Santiago de Compostela
Un grupo de turistas canta cunha tuna nunha praza de Santiago de Compostela | Fonte: César Argina - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.