Volven os grandes lumes a Galicia: arde Pontevedra e Ourense

Xa van maiss de 200 hectáreas queimadas. Continúa activada a Situación 2 pola proximidade do lume en Arbo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2022 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

O incendio de Arbo (Pontevedra), que se iniciou na aldea de Mourentán, xa queima 400 hectáreas; mentres que o de Castrelo de Miño (Ourense) fai o propio noutras 200, segundo a última estimación provisional de Medio Rural. Uns grandes lumes que volven a Galicia cando ainda non remataron algúns da gran vaga de mediados de xullo

No caso do municipio pontevedrés, o lume obrigaba este sábado a activar a situación 2 de alerta por proximidade do incendio a un núcleo de vivendas da parroquia das Searas, aviso aínda activo.

O incendio iniciouse ás 3,17 horas da madrugada deste sábado na parroquia de Mourentán. No lugar traballan nove helicópteros, 10 avións, dúas Unidades Técnicas de Apoio, cinco pas, 39 motobombas, 54 brigadas, 19 axentes e sete técnicos. Ademais, solicitouse o apoio da Unidade Militar de Emerxencias.

Tamén en Pontevedra permanece activo outro incendio, no concello pontevedrés da Cañiza, concretamente na parroquia de Oroso. Alí tamén se declarou a Situación 2 como medida preventiva pola proximidade do lume a un polígono industrial. Ademais, durante toda a mañá tiveron lugar cortes de estradas. Primeiro a A-52 e posteriormente a N-120, ambas as abertas xa ao tráfico.

Este lume iniciouse ao redor das 1,00 horas e leva calcinadas, polo momento, 25 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse a un técnico, nove axentes, 17 brigadas, nove motobombas, dúas pas, nove avións e cinco helicópteros.

Esta pasada noite, ao redor das 23,15 horas do sábado, tamén se declaraba outro en Ponteareas (Pontevedra), na parroquia de Padróns. Segundo informa Medio Rural, foi estabilizado ao redor das 10,00 horas desta mesma mañá con 20 hectáreas calcinadas. Empregáronse sete axentes, 14 brigadas, dez motobombas, unha pa e un helicóptero.

CONTROLADO O DE CASTRELO DE MIÑO

Pola súa banda, o lume declarado en Castrelo de Miño (Ourense), na parroquia de Barral, continúa baixo control --así desde a mañá do sábado-- e queima unhas 200 hectáreas. Traballan na zona dous técnicos, 41 axentes, 79 brigadas, 52 motobombas, catro pas, oito avións e 11 helicópteros. Tamén se destinou ao lugar unha Unidade Técnica de Apoio.

Tamén na provincia de Ourense rexistrábase esta tarde un lume que obrigaba a cortar, durante algo menos dunha hora, o tráfico ferroviario pola liña convencional Santiago-Ourense, concretamente entre O Carballiño e O Irixo.

O corte só afectou a trens rexionais e restableceuse pasadas as 19,00 horas, tal e como informaron tanto ADIF como Medio Rural. A causa foi un lume con orixe en Boborás, na aldea de Xurenzás.

Calcinou polo momento cinco hectáreas e na zona están a traballar catro axentes, sete brigadas, tres motobombas, unha pa, sete avións e catro helicópteros.

Lume nunha zona boscosa, a 28 de xullo de 2022, en Castrelo de Miño, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press
Lume nunha zona boscosa, a 28 de xullo de 2022, en Castrelo de Miño, Ourense.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta