Rueda confía en que o Goberno central transfira á Xunta a competencia de costas sen recorrer aos tribunais

Defende que é posible un traspaso desta competencia sen reformar o Estatuto. Unanimidade do pleno da Deputación de Pontevedra para reclamar para Galicia as competencias do litoral

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/07/2022 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera que o Goberno central recapacite e, tras analizar a documentación que lle deixou na súa reunión da Moncloa, acceda a transferir a competencia de costas a Galicia sen que haxa que recorrer aos tribunais.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (esquerda) e o presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, á súa chegada á Moncloa
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez (esquerda) e o presidente do Goberno de Galicia, Alfonso Rueda, á súa chegada á Moncloa | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Rueda incidiu en que, entre os documentos que trasladou a Sánchez está un ditame do Consello Consultivo de Galicia, un órgano "independente" e conformado por "xuristas expertos" que "avala" a postura da Xunta de que é posible un traspaso desta competencia sen reformar o Estatuto, e que, ademais, se acaba de autorizar a transferencia a Canarias, cunha redacción estatutaria "moi similar á galega".

"Espero que sexa un precedente e que non haxa que recorrer a outros medios xurídicos que o atrasarían todo", advertiu, tras indicar na pasada xornada que a Xunta non está disposta a renunciar a esta competencia.

Lembrou que tanto o presidente, Pedro Sánchez, como a portavoz do Goberno central, Isabel Rodríguez, insistiron en que a razón "era xurídica" e en que, "se había posibilidades legais", a súa "intención" sería materializar a transferencia".

Respecto diso, reafirmouse en que "posibilidades legais as hai absolutamente todas" e remitiuse ao ditame do Consultivo, que "o ten claro".

Por iso, tras incidir en que urxe o cambio debido "ás ameazas que se proxectan" sobre a cadea mar-industria debido aos "cambios normativos sobre a xestión do dominio público marítimo terrestre" que impulsa o propio Goberno español, insistiu en que confía en que o Goberno acepte "o informe xurídico" e se poida empezar "canto antes" as conversas para transferir a competencia.

UNANIMIDADE NA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres por unanimidade --con votos de PSOE, PP e BNG-- reclamar ao Goberno do Estado a transferencia a Galicia da competencia sobre a xestión do dominio público marítimo-terrestre.

Ao salón de plenos acudiron varios representantes da Confederación Mar-Industria Alimentaria, organismo que aglutina a Agade, Anfaco, Federación Provincial de Confrarías e o Cluster de Acuicultura, cuxos membros, antes de acceder ao Pazo Provincial, fixéronse unha fotografía cos deputados do grupo do Partido Popular.

Este xesto foi criticado pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, que o interpretou como un "intento de confrontación" dos populares, lamentando esa "utilización bochornosa e partidista que o PP quixo facer do sector", ao que pediu "que non se deixe manipular".

Pola súa banda, o vicepresidente e portavoz do BNG, César Mosquera, definiu esa fotografía como exemplo do "oportunismo do PP para montar balbordo cunha falta de rigor e seriedade que non lle fai ningún favor ao sector".

Desde o Grupo Popular, Pepa Pardo censurou o "autoritarismo" do goberno provincial, "que se cre que ten potestade absoluta en moralidade como para dicirlle a cidadáns libres con quen poden e con quen non poden facerse unha fotografía".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta