O persoal de Pescanova Arteixo continuará as mobilizacións por "falta de acordo coa empresa"

Aseguran que o incremento salarial proposto pola empresa é "totalmente insuficiente".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/07/2022 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

O comité de Pescanova Arteixo anunciou que retomará o calendario de mobilizacións aprobado pola asemblea de traballadores tras non alcanzarse un acordo na reunión mantida este martes coa dirección da empresa. Nun comunicado, a CIG informou de que as concentracións se celebrarán este xoves 21 de xullo e o mércores 27, fronte á oficina principal de Abanca (Rúa Nova), en horario de 11 a 12 horas.

"Tras máis de cinco horas de reunión, este martes non foi posible chegar a un entendemento debido á insuficiente proposta económica da empresa, que se limita a ofertar un incremento salarial adicional de 110 euros ao ano por persoa, o que na práctica e repartido en 12 mensualidades suporía un incremento de nove euros ao mes", detallan.

Aseguran que este incremento é "totalmente insuficiente" para recortar as "diferenzas que existen entre os soldos do persoal da fábrica de Arteixo e os que percibe o persoal dos outros centros do grupo". Lamentan que a dirección tampouco aceptase a última proposta do comité, consistente en mellorar esa oferta económica da empresa ata os 190 euros ao ano por traballador.

O motivo de trasladar agora as protestas ás oficinas de Abanca é que a entidade é propietaria do 98% do accionariado do grupo, polo que, para o comité, "ten unha responsabilidade directa para mediar na procura dunha solución definitiva ao conflito e conseguir un convenio colectivo digno".

Concentración de traballadores e traballadoras da planta de Nueva Pescanova en Arteixo / CIG. / Europa Press
Concentración de traballadores e traballadoras da planta de Nueva Pescanova en Arteixo / CIG. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta