Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2022 | Actualizada ás 14:29
Xa hai números do que custa facerse con todos os activos do grupo El Correo Gallego, incluída as súas distintas marcas comerciais, El Correo Gallego, Radio Obradoiro, Galicia Hoxe y La Noche de Galicia. En total, 2,6 millóns de euros. Un diñeiro que contrasta, e moito, coas débedas actuais do grupo editorial, nove millóns de euros.
Nos termos e condicións de adquisición da UPA de El Correo Gallego presentada coa solicitude de concurso de acredores, e que se fixo pública estes días por parte do xulgado, a empresa que se faga cargo da marca e activos do histórico xornal compostelán deberá pagar 760.000 euros. Polo momento, hai dúas sociedades interesadas, as dúas con empresarios pendentes de cuestións xudiciais.
Deles, 560.000, serán para a condonación das achegas realizadas polos dous grupos de sociedades oferentes e 200.000 de aval mentres dure a tramitación do proceso de venda para a conservación e mantemento da actividade. "No caso de que as empresas interesadas adquiran a UPA, o referido importe será obxecto de condonación, cancelación ou compensación", recolle o escrito xudicial. Contrasta esta cantidade, cos 6.151.000 euros que tivo de volume de negocio o xornal en 2020, os case 10 millóns do 2019 ou os 8.624.000 de 2018.
E con que se queda a empresa que asuma este pago?. O xulgado destaca que asumirá a propiedade dos elementos incorporados como parte da obra civil, instalacións técnicas, ou de adecuación da nave para o desenvolvemento da actividade. Tamén os dereitos de propiedade industrial e intelectual sobre os artigos e edicións realizadas tanto en papel, como a través dos dominios blogs.elcorreogallego.es, compras.elcorreogallego.es, correotv.com, correotv.es, elcorreogallego.com, elcorreogallego.es, elcorreogallego.gal, galiciahoxe.com, galiciahoxe.es,
galiofer.com, galiofer.es r grupocorreogallego.com.
SÓ A CARTEIRA DE CLIENTES E CONVENIOS É MAIOR A DO CUSTE DO XORNAL
Ademais, a empresa quedará coa totalidade das licenzas, permisos e autorizacións necesarias para a explotación e operación da unidade produtiva e, sobre todo, cos contratos de subscrición de prensa subscritos pola concursada cos seus clientes. De feito, nas contas entregadas por El Correo ao xulgado, a suma deste contratos con clientes é de 1.153.000 euros, é dicir, máis do que custa todo o grupo empresarial.
"A Carteira de Clientes UPA definida como os contratos de subscrición cos Clientes
da empresa con subrogación na totalidade das relacións contractuais entre a concursada e os aproximadamente 4.800 clientes, así como a base de datos destes", recolle o escrito xudicial.
E QUE PASA COS TRABALLADORES?
A débeda que o Grupo El Correo ten cos seus traballadores e ex traballadores é de máis de 5.250.000 euros, entre a débeda salarial con eles e as débedas á Seguridade Social e a Axencia Tributaria. O xornal coruñés sinala nos escritos entregados ao xulgado que son 70 os traballadores cos que ten débedas.
Con todo, nos termos e condicións de adquisición da UPA, o xulgado rebaixa o número de traballadores a indemnizar a 49. E especifica que a subrogación nos contratos de traballo dos Empregados levará a "asunción da obrigación de abonar a totalidade dos soldos e salarios debidos pola concursada aos empregados e que se atopen pendentes de pago".
Con todo, exclúe a empresa que merque os activos do grupo de comunicación compostelán de asumir a contía dos salarios ou indemnizacións pendentes de pago anteriores á transmisión que cada empregado teña dereito a recibir do Fondo de Garantía Salarial, así como as liquidacións ou liquidacións pendentes de pago a empregados que fosen traballadores con anterioridade a presentación do concurso voluntario de acreedores, así como as débedas coa Seguridade Social vinculadas aos empregados a subrogar que se atopen pendentes de pago.
Polo tanto, o cálculo que fai o xulgado da responsabilidade que ssupón a asunción dun pasivo laboral (salarios debidos + Débeda con Seguridade Social) é de 1.295.362.84 euros e 607.817,32 euro9s, respectivamente.
A ViABILIDADE
Nos termos e condicións de adquisición da UPA de El Correo Gallego presentada coa solicitude de concurso de acredores, tamén se recolle que para garantir a viabilidade a longo prazo e liquidez operativa do negocio da UPA, EDITORIAL El CORREO, S.L. estima que se requiriría un total de, aproximadamente, un millón de euros adicional para manter o negocio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.