O Festival do Viño da Ribeira Sacra pecha os eventos vitivinícolas da D.O. en Monforte

Tras a inauguración do pasado venres 1 de xullo, este domingo complétase unha fin de semana na que os mellores caldos da Ribeira Sacra foron os protagonistas. 27 adegas representadas e outras propostas paralelas encheron Monforte e o recinto feiral de visitantes.

Por Galicia Confidencial | Monforte de Lemos | 03/07/2022 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

A inauguración do Festival do Viño da Ribeira Sacra foi o pasado 1 de xullo cun acto protocolario no que, ademais da benvida do Alcalde do Concello de Monforte e presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, interveu o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, escollido para exercer de pregoeiro.

Ambiente no recinto feiral no Paseo do Malecón de Monforte. Foto: XdL
Ambiente no recinto feiral no Paseo do Malecón de Monforte. Foto: XdL

O reitor da USC destacou a importancia do viño ao longo de toda a historia, enxalzou a importancia económica do sector vitivinícola na D.O. Ribeira Sacra e xa cun punto informal animou tamén a subir a media de consumo de viño que temos dicindo que “tería que receitarse nas consultas médicas”.

Antonio López salientou tamén a aposta forte que a USC fai polos sectores primarios, agrario e gandeiro, a través do Campus Terra de Lugo, e reafirmou o seu compromiso de colaboración coa Deputación de Lugo, coa que colabora estreitamente en diversos proxectos a prol da provincia de Lugo.

Na edición deste ano participan 27 adegas da D.O. Ribeira Sacra, dúas máis que na última edición,  que están a ofrecer unha ampla variedade de viños nun recinto feiral moi ben deseñado e á beira do Río Cabe no coñecido Paseo do Malecón de Monforte.

oferta complementaria ao viño consistiu este ano en “ViñoRutas” para realizar viaxes organizados, coñecer a ‘viticultura heroica’ e descubrir a beleza dos ríos e das abas e bancais onde nacen os caldos da Ribeira Sacra, propostas gastronómicas, actividades para os máis pequenos e concertos na Praza de Santo Antón –onde a Casa do Concello–. O venres actuou “Pol 3.14”  e o sábado “Nova Galega de Danza e Rosa Cedrón”, participando xuntos dun espectáculo que leva por título Leira.

Discurso do Reitor da USC: Foto: XdL
Discurso do Reitor da USC: Foto: XdL

Tanto venres noite como sábado todo o día o recinto feiral estivo moi animado e por el pasou moita xente, tanto veciños e veciñas como visitantes e turistas. Os adegueiros e adegueiras amosaron a súa satisfacción nesta volta do evento tras dous anos de pandemia.

Este domingo, remate do Festival do Viño, as previsións non son tan boas por mor da treboada que ameaza traer a choiva a Monforte.

 

José Tomé no discurso inaugural. Foto: XdL
José Tomé no discurso inaugural. Foto: XdL
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta