A MIT de Ribadavia presenta o Premio de Honra 2022

Será o día da inauguración da 38ª MIT, o 15 de xullo, e con el recoñecerase a traxectoria de Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”. O vindeiro 15 de xuño darase a coñecer de forma oficial a programación completa da mostra.

Por Galicia Confidencial | Ribadavia | 13/06/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Este 2022 conmemóranse os 40 anos de Tanxarina Títeres e dende Ribadavia queren sumarse á familia dos monicreques e do teatro de obxectos de Galicia para celebrar tamén o Premio de Honra da MIT 2022 a quen foi fundador dunha das compañías de referencia dos títeres de Galicia: Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”

Tatán. Foto cedida pola MIT Ribadavia
Tatán. Foto cedida pola MIT Ribadavia

Xunto con Kukas, Cachirulo ou Viravolta, Tanxarina construíu a partir dos anos 80 unha gran tradición e público afeccionado á arte dos obxectos animados. Fíxoo tanto a través de creacións propias, na organización de festivais, coma na divulgación dun oficio entre o artesanal e o experimental.

En palabras da organización desta prestixiosa mostra teatral internacional, "Tatán é máis ca ese prestixioso titiriteiro que acabou en Barcelona no taller do mestre Harry Tozer por circunstancias do destino e por inquedanza artística e formativa. Tatán é teatreiro de vocación (xa dende a Compostela da súa época universitaria nas aulas de Dereito), músico, actor de cine, activista nun sentido estrito da palabra, activista da arte e da cultura do país. Defensor da lingua, do traballo da xente nova, participante de históricos proxectos na historia do teatro galego coma aquela cooperativa chamada Producións Teatrais do Sur na que se xuntaron as compañías Teatro do Morcego (do sempre inesquecible Celso Parada), Teatro de Ningures e Tanxarina. Tatán foi facilitador, é unión e alento e acolle ensinanzas e impulsos que seguramente deberían concluír na concreción dun desexo seu e de moitos: unha especialidade de teatro de obxectos na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, que na súa época de estudo non existía e que hoxe tanto nos podería distinguir".

O SEU PASO POLA MIT DE RIBADAVIA

O Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño desta edición de 2022 recoñece a figura solidaria, amable, inqueda e sensible de Eduardo Rodríguez Cunha, "Tatás", que participou con diferentes traballos na MIT ao longo destes anos, dende os alleos ao seu grupo, como Terceiro Acto, baixo a batuta de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, ata as pezas de A galiña azul, Titiricircus ou Contaloucos, coa súa familia escénica habitual, Miguel Borines e nos últimos tempos Andrés e Pablo Giráldez.

Público no MIT de Ribadavia. Foto: MIT
Público no MIT de Ribadavia. Foto: MIT

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta