As entidades de educación popular galega, vasca e catalá unen forzas pola diversidade lingüística

A declaración conxunta das escolas Semente, Ikastolas e Bressolas terá lugar o vindeiro 11 de xuño no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado polo escritor Séchu Sende.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/06/2022 | Actualizada ás 14:15

Comparte esta noticia

As Escolas Semente, xunto coas Ikastolen Elkartea de Euskal-Herria e La Bressola de Catalunya, unen forzas en favor das linguas propias e dun currículo "autocentrado". As tres entidades de educación popular rememoran o pacto solidario trinacional asinado por primeira vez en Barcelona, no 1923, e co que se recoñecen "promotoras dunha educación democrática, laica, pedagoxicamente renovadora, sen fins lucrativos e autocentrada nas respectivas realidades nacionais". 

Festa de apertura da escola Semente de Trasancos, en Narón
Festa de apertura da escola Semente de Trasancos, en Narón | Fonte: facebook semente trasancos

 

A declaración conxunta terá lugar o vindeiro 11 de xuño, ás 11:30 horas, no Museo do Pobo Galego, nun acto presentado polo escritor Séchu Sende, e no cal participaran representantes das tres institucións -Santiago Quiroga, Coordinador Nacional das Escolas de Ensino Galego Semente; Koldo Tellitu, lehendakari de Ikastolen Elkartea; e Eva Bertrana, Diretora Geral de La Bressola-; e tamén membros e crianzas do proxecto Semente, así como a música Guadi Galego, que cerrará o acto cun canto á liberdade e á diversidade linguística peninsular.

A alegación interinstitucional vindica o "direito à educaçom nas línguas próprias, reclamando a eliminaçom das restriçons linguísticas no âmbito educativo, por limitarem as oportunidades das futuras geraçons de galegas, bascas e catalás", explican nunha nota asinada polas tres entidades. Do mesmo modo, resaltan a "importância da diversidade cultural como parte fundamental dos alicerces para um desenvolvimento curricular específico, favorecedor de valores interculturais e impulsor da diversidade epistemológica no Planeta".

No escrito, as entidades denuncian o "incumprimento sistemático" dos Estados español e

francés da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ademais, mostran preocupación pola "ingerência dos Tribunais na planificaçom linguística educativa", pois consideran que estan a restrinxir a aplicación de "modelos plurilingues aditivos, com reconhecido prestixio científico internacional". Finalmente, realizan un chamado á "construçom dumha soberania educativa plena, que permita blindar o exercício do direito universal a uma educaçom própria".

A xornada de irmandade internacionalista continuará na escola Semente cun xantar popular, ás 14 h.; un espetáculo de Circus Magnificus, ás 17 h.; e a partir das 18:30 h., palestras de Koldo Tellitu, Eva Bertrana, Olatz de Bilbao - Diretora pedagógica da Bressola-, Guillem Nivet  Membro da Bressola- e unha mesa redonda sobre normalización das linguas minorizadas, moderada por Uxía Bolanho.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta