Alfonso Rueda, o secretario municipal que ascendeu na Xunta como "poli malo" de Feijóo

O dirixente pontevedrés eríxese como novo líder do PPdeG nun congreso con lista única. Neto de comunista e fillo de 'aliancista', a vida política de Rueda deu un salto tras ser escollido como segundo por Feijóo, un posto que o levou por derroteiros que hoxe poderían volver para perseguilo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2022 | Actualizada ás 12:55

Comparte esta noticia

O PP galego pechou este domingo o proceso de substitución de Alberto Núñez Feijóo coa proclamación de Alfonso Rueda, xa presidente da Xunta, como líder do partido. O dirixente pontevedrés toma as rendas da formación autonómica co apoio do 97,2% dos compromisarios que participaron no 18º Congreso do partido, que ten carácter extraordinario e celébrase na súa cidade natal.

Rueda encabezaba unha lista única que recibiu, segundo informou a presidenta da mesa do conclave, Ana Pastor, un apoio do 97,2%. En total, emitíronse 1.164 papeletas --había ao redor de 1.500 compromisarios convocados--, das que foron válidas 1.163. Á marxe do voto nulo, houbo 33 papeletas en branco. En total, Rueda recibiu 1.130 votos a favor.

Pechada a sucesión institucional hai unha semana, Alfonso Rueda Valenzuela (1968) toma os mandos do PPdeG tras 16 anos á sombra de Feijóo: primeiro, como o seu número dous na oposición cando o dos Peares substituíu a Manuel Fraga á fronte do partido e despois, tras a vitoria electoral de 2009, como o seu 'home forte' na Xunta.

O novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; é felicitado polo presidente do Partido Popular nacional, Alberto Núñez Feijóo; durante a toma de posesión como presidente de Rueda, no Parlamento de Galicia. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O novo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; é felicitado polo presidente do Partido Popular nacional, Alberto Núñez Feijóo; durante a toma de posesión como presidente de Rueda, no Parlamento de Galicia. Álvaro Ballesteros - Europa Press


O mandato do pontevedrés nace tras un proceso no que logrou concitar o apoio do resto de líderes provinciais e que supuxo o movemento de pezas no plano interno e institucional: o paso máis relevante foi a entrada no Executivo autonómico como vicepresidente segundo do presidente coruñés Diego Calvo. A súa vacante como vicepresidenta primeira no Parlamento cóbrea a líder provincial lucense, Elena Candia.

En todo caso, o mandato de Rueda, que elixiu á deputada compostelá Paula Prado como secretaria xeral, nace coa aura de sinalado polo xa líder do PP estatal, que non escatimou á hora de porlle deberes: primeiro, "gañar" o liderado interno, e despois, lograr unha quinta maioría absoluta para manter a Xunta.

Así que, polo camiño ata 2024 terá outro test, como o das municipais --uns comicios que no ámbito urbano non permitiron tocar demasiado poder aos populares nos últimos anos-- e as xerais, que determinarán o futuro de Feijóo. El prometeu que o seu apoio a Rueda será "inquebrantable" desde onde estea cun aviso: vaise de Galicia, pero segue sendo o 'xefe', xa en Xénova e poida que en breve "como inquilino do casarón" da Moncloa. 

A percepción estendida é que, en parte, o futuro político de Rueda seguirá bastante ligado aos éxitos ou fracasos que, en clave estatal, poida ter o agora líder do PP. Xa candidato popular a 2024 como determinan os estatutos, Rueda terá a maquinaria institucional do seu lado e varios retos: construír unha imaxe presidencial e superar o hándicap dun coñecemento baixo para un dirixente que leva desde 2009 no Goberno.

Pero tamén terá que coser calquera tipo de ferida interna ou evitar que supuren, mentres preserva a mensaxe da "unidade" e da estabilidade, alicerces do discurso do PPdeG que sustentaron o últimas catro maiorías absolutas. Fontes da súa contorna aseguran que el é consciente de todos os seus retos, pero tamén lembran que leva 16 anos "observando" a Feijóo e aprendeu aínda que ten o seu propio "estilo".

"Experiencia" non lle falta, segundo subliñan membros do seu equipo consultados por Europa Press, que remarcan que "como no seu día se dicía de Fraga, ten a Administración na cabeza".

A SOMBRA DE FEIJÓO

No seu primeiro discurso como líder orgánico, Rueda, proclamou o comezo de "unha nova etapa" e un "novo camiño" con respecto ao de Alberto Núñez Feijóo, agora convertido en máximo dirixente nacional do PP. No mesmo acto, Feijóo apuntou a pórse "á orde" do "presidente Rueda", como se referiu ao novo xefe de filas dos populares galegos, Alfonso Rueda, ao que puxo, en todo caso, os seus primeiros deberes electorais: "mellorar" os resultados nas municipais do ano próximo como paso previo a lograr "a quinta maioría absoluta" consecutiva e estar "preparados" por se hai un adianto das xerais.

Nesta conxuntura, recuperou a famosa frase que Manuel Fraga pronunciou sobre o liderado de José María Aznar e proclamou que deixa mans libres a Rueda. "Non hai tutelas nin hai tutías, aquí hai un presidente do partido, un líder do equipo e un proxecto", proclamou, convencido de que o falecido Manuel Fraga estaría "contento" diso.

SEGUNDO DENDE 2006

Casado e con dúas fillas, Rueda é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e está á beira de Feijóo desde o ano 2006, cando despois dunha especie de 'casting' entre dirixentes populares, o dos Peares o fichou para o segundo posto máis relevante da organigrama popular: o de secretario xeral.

Rueda tiña 37 anos e tivo que tomar unha excedencia da súa praza como secretario municipal do Concello de Cambados --dez anos despois, en 2016 e xa na Xunta, cambiouna pola de Marín--. Fora xefe de gabinete de Xesús Palmou (quen falou del a Feijóo), ademais de ocupar altos cargos no segundo nivel da organigrama da Consellería de Xustiza.

Pero o vínculo de Rueda coa política non empezou con Feijóo, nin sequera co PPdeG, aínda que foi presidente pontevedrés de Novas Xeracións, a organización xuvenil ligada aos populares. No seu caso pódese dicir que o interese pola política herdouno por ambas as ramas xenealóxicos.

É sobriño neto do galeguista Ramón de Valenzuela, que concorrería a comicios polo PCE no 79, pero o "ingrato" da política coñeceuno directamente, como recoñeceu en máis dunha ocasión, da man do seu pai, José Antonio Rueda Crespo, quen foi concelleiro en Silleda, vicepresidente da Deputación pontevedresa e senador como membro de Alianza Popular.

O 'POLI MALO' DE FEIJÓO NA OPOSICIÓN

O seu pai aconselloulle que non se metese en política con nulo éxito, aínda que si logrou que primeiro sacara unha oposición para garantirse "unha alternativa" de vida. Tamén lle recomendou actuar con precaución e fiarse de pouca xente, e seleccionada. Pero á marxe da súa forma de ser, Rueda foi durante dez anos secretario xeral de Feijóo, un cargo pouco amable e que non lle axudou precisamente a tecer amizades internas no seo do PPdeG.

De feito, tocoulle ser ono 'poli malo' do PPdeG entre 2006 e 2009, cando ao líder reservábanselle todas as propostas en positivo e el se encargaba de dar os 'paus' máis duros ao Goberno bipartito. De aí a presenza nas manifestacións de Galicia Bilingüe que hoxe poderían volver para perseguilo na súa etapa presidencial. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta