"Delgado Gurriarán foi un representante dos exiliados por vontade propia"

O responsable de Política Lingüística cre que a súa figura, apegada a Galicia, "transcende o sistema cultural galego territorial".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/05/2022 | Actualizada ás 12:14

Comparte esta noticia

Florencio Delgado Gurriarán, autor homenaxeado o 17 de maio no Día das Letras Galegas 2022, é unha figura que "transcende o sistema cultural galego territorial", un poeta "unido fortemente á paisaxe e á súa terra" que, desde o exilio, foi "conscientemente representante" daqueles que se vían forzados a residir fóra de Galicia tanto pola Guerra Civil e a ditadura como por motivos económicos.

O autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas de 2022
O autor valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nas Letras Galegas de 2022 | Fonte: REAL ACADEMIA GALEGA.

Este é o relato que debuxa do autor recoñecido nas Letras Galegas 2022 o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que considera a Delgado Gurriarán un "autor funtamental na primeira metade do século XX" na literatura de Galicia.

Criado no seu Córgomo natal -comarca de Valdeorras-- por unha familia "moi preocupada pola educación", foi un autor "moi galeguista e moi apegado á terra", dixo Valentín García, e que "comezou a escribir moi novo" dentro da chamada Xeración do 25, que renovou a literatura galega cara a "estruturas máis modernas".

A Guerra Civil levouno ao exilio, onde se asentou en México e descubriu na diáspora unha liña de actuación literaria, cultural e política. "É un dos grandes representantes do exilio, escribindo e actuando pensando nos exiliados como el, algo que poucos autores fixeron", debuxa Valentín García.

Foi, así, "un representante dos exiliados galegos de forma consciente e por vontade propia", sen "decaer nunca no defensa da lingua e da cultura galega" mesmo desde o outro lado do océano.

Precisamente este carácter ligado ao exilio e á emigración galega foi un dos puntos determinantes na elección de Delgado Gurriarán para esta homenaxe. "Sempre foi un emblema do exilio", apunta o secretario xeral.

VALDEORRAS COMO BANDEIRA

Este labor de reivindicación da lingua e a cultura galegas desde o exilio veu da man, en Delgado Gurriarán, dun profundo apego pola súa terra natal, Valdeorras.

"É un poeta moi apegado á natureza e á comarca de Valdeorras", sinala Valentín García, destacando que, en cada composición, e fisicamente, "volveu a ela sempre que puido" e "sempre a tivo moi presente".

De feito, o secretario xeral considera que, precisamente esta implicación coa natureza é unha boa vía para difundir a figura de Florencio Delgado Gurriarán entre nenos e nenas, para quen a idea de exilio e loita política "lles pode resultar distante".

Con iso, as iniciativas escolares enfócanse " á súa unión coa paisaxe, á natureza", nun momento histórico no que "ninguén falaba en termos de ecoloxía e respecto á paisaxe". "É un adiantado aos nosos tempos que promulga o coidado que debemos ter coa natureza e a orixe", apostila.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta