Pediatras galegos denuncian que o déficit de pediatras en Galicia "rolda o 14%"

Critican o Plan Nacional de Necesidades de Especialistas e trasladan o seu apoio para paliar o déficit.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/05/2022 | Actualizada ás 17:05

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Pediatría de Atención Primaria (AGAPap) criticou o Plan Nacional de Necesidades de Especialistas por partir do concepto "erróneo" de que "non faltan pediatras" en España e que as necesidades "estarán cubertas pola baixada de natalidade", á vez que trasladou o seu apoio á Xunta para paliar a falta destes profesionais.

Así o manifestou nun comunicado de prensa tras a celebración este pasado fin de semana en Santiago de Compostela da reunión anual desta asociación de pediatras de Galicia. A presidenta da asociación, Amparo Rodríguez Lombardía, repasou no encontro deste pasado fin de semana algúns dos logros e das dificultades polas que pasa o colectivo, no seu obxectivo de ofrecer, dixo, "a mellor atención posible aos nenos e ás súas familias".

Entre os logros sinalou as coberturas vacinais mantidas durante a pandemia e a atención presencial outorgada aos pacientes. Pola súa banda, entre os "pasos atrás", sinalou que, no último ano, "pasouse dun 12% de prazas ocupadas por non pediatras a un 14%, o que choca co gran obxectivo de conseguir que todos os nenos galegos teñan un pediatra de cabeceira".

Así mesmo, comentou que houbo tamén, desde a vontade de diálogo coa administración, críticas ao Plan Nacional de Necesidades de Especialistas.

DÉFICIT

"O informe Oferta-Necesidade de Especialistas Médicos 2021-2035 exposto pola ministra de Sanidade afirma que non faltan pediatras no noso país e que as necesidades estarán cubertas pola baixada de natalidade. Isto é un punto de partida erróneo, posto que diversos estudos estiman que o déficit de pediatras a nivel nacional está entre un 25-27%", resaltou.

"En Galicia rolda o 14%. Nós seguimos tendendo a man á Consellería para liquidar esta situación e poder seguir ofrecendo a mellor atención aos nosos pacientes", destacou a doutora Rodríguez Lombardía. No edificio CINC da Cidade da Cultura, sede do encontro, déronse cita un centenar de profesionais.

Pediatra na consulta cun bebé
Pediatra na consulta cun bebé | Fonte: BAYER - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta