Como coñecer persoas e colectivos que poñen en valor o noso patrimonio inmaterial?

O proxecto 'Saberes Próximos' nace para visibilizar aqueles que dedican o seu tempo a coidar e divulgar a riqueza e a importancia do noso patrimonio inmaterial. Na súa web dan a coñecer persoas e colectivos que recompilan, preservan e difunden os nosos saberes e tradicións.

Por X.M. Fernández | Arteixo | 09/04/2022 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A iniciativa de 'Saberes Próximos', que agora se materializa nunha web, xorde dende BenCuriosa, empresa de xestión cultural especializada no eido dixital, e co apoio da Deputación da Coruña tras un proceso de información aberto á participación.

Logo do proxecto
Logo do proxecto

Neste novo espazo virtual constitúese unha base de datos aberta e dixital na que é posible atopar información sobre máis de medio cento de persoas, colectivos e entidades de varios concellos da provincia da Coruña: asociacións, obradoiros artesanais, comunicadoras, investigadoras, artistas, mestras, xestoras culturais… En definitiva, persoas que comparten a motivación de recoller e difundir o noso patrimonio inmaterial.

Un proxecto dixital que ten como obxectivo visibilizar ás persoas, colectivos e entidades que traballan recollendo, divulgando, reformulando os nosos saberes que van dos oficios á tradición oral, pasando pola festa, a música e o baile, a cociña ou a memoria colectiva.

Sara Fraga, historiadora e xestora cultural, foi a encargada de mediar e comisariar este proceso de mapeado. Unha sucesión de conversas e fíos que revelaron como ”hai tantas maneiras de mirar o patrimonio como xentes que o viven”.

Ademais dos contactos realizados de xeito directo, o proceso estivo aberto a un mapeado activo a través dun formulario online público e contou coa colaboración de diversas entidades que facilitaron a difusión do proxecto e o achegamento a un maior número de persoas.

Recollida información. Foto: Saberes Próximos
Recollida información. Foto: Saberes Próximos

MÁIS SOBRE 'SABERES PRÓXIMOS'

Saberes Próximos é isto: persoas coa súa historia e motivacións. Unha recompilación na que aparecen figuras que, sendo máis ou menos coñecidas, levan a cabo un labor indispensable para a preservación de tradicións coma o baile, a música, os entroidos, a artesanía, a literatura, os oficios e os costumes sociais en xeral.

A base de datos de Saberes Próximos permite a consulta de tres maneiras distintas: mediante un visor interactivo, a través dun mapa xeolocalizado e mediante unha lista que garante un acceso doado a calquera usuaria. Ademais de ofrecer un formato máis interactivo, esta presentación busca achegar a web a diferentes niveis de lectura o máis accesible posible para todos os usuarios.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta