Por Europa Press / Redacción | MADRID | 07/04/2022 | Actualizada ás 09:43
A meteoróloga galega Pilar Sanjurjo faleceu este mércores segundo informou TVE, cadea á que pertenceu e onde adquiriu unha gran popularidade na década dos 70 e 80 ao converterse na primeira muller que presentou a información meteorolóxica na historia da televisión española.
Sanjurjo pertenceu á xeración dos primeiros presentadores do tempo na televisión pública, como Mariano Medina e Eugenio Martín Rubio, que "axudaron que os espectadores entendesen mellor os fenómenos atmosféricos", destacou TVE.
Precisamente, a galega chegou ao ente público da man de Martín Rubio, a quen substituíu durante unhas vacacións. Converteuse na primeira muller que presentou a predición meteorolóxica en RTVE. Posteriormente, Sanjurjo incorporouse ao extinto Instituto Nacional de Meteoroloxía (INM), reconvertido desde 2008 na Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET).
Na axencia estatal desempeñou o cargo de xefa de quenda do Centro Nacional de Predición da INM ata a súa xubilación a principios dos anos 2000. Experta en predición marítima, entre os seus méritos tamén se atopa o de ser unha das primeiras mulleres en participar nunha expedición á Antártida, na que estudou os efectos do buraco da capa de ozono.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.