Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 04/04/2022 | Actualizada ás 18:11
Comisarías galegas tramitaron máis de mil solicitudes de protección temporal a persoas desprazadas pola guerra de Ucraína, segundo informou o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, na visita á da Coruña. Na súa visita á Xefatura Superior de Policía de Galicia, xunto ao seu máximo responsable, Ramón Gómez Neto, Miñones indicou que a finais desta semana chegarase ás 1.400.
Miñones precisou que Galicia é a décima comunidade autónoma en número de tramitacións deste tipo. O maior número concéntranse na provincia da Coruña, seguida das de Pontevedra, Ourense e Lugo.
Remarcou que este tipo de proteccións permitirá aos refuxiados "ter dereito a vivenda, a traballo, á escolarización e todo o relacionado coa atención médica", expuxo.
De acordo cos datos facilitados pola Delegación do Goberno, A Coruña e Pontevedra concentran o maior número de solicitudes de protección tramitadas e resoltas en Galicia, con 429 e 382 expedientes, respectivamente.
Pola súa banda, a Policía Nacional canalizou 170 proteccións temporais en Ourense e 84 en Lugo. En total, son 1.065 as proteccións tramitadas con datos pechados a data do domingo 3 de abril.
As persoas refuxiadas que chegan a Galicia poden tramitar a protección temporal en oito comisarías. Para reforzar esta tramitación, o Ministerio de Interior incorporou recentemente ao sistema de recepción as comisarías de Ferrol, Santiago e Tui, que se engaden ás que funcionaban xa na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
A protección temporal permite ás persoas desprazadas residir no país, traballar no caso de ter a maioría de idade e utilizar os seus permisos de conducir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.