Denuncian que a Xunta "promove o contaxio masivo" en residencias de maiores

"As residencias informan aos familiares da situación epidemiolóxica en cada centro, como é natural", di Política Social. A Asociación Vellez Digna critica que non se saiba o número de contaxios nas residencias DomusVi de Ribadumia e Aldán e denuncia a contratación de persoal sen "ningunha experiencia".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 07/02/2022 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

"Preguntamonos porque, por un lado se promove o contaxio masivo de residentes, e por outro seguen limitadísimas as visitas de familiares, alegando risco de contaxio". A Asociación galega de familiares e usuarios de residencias Vellez acusa directamente á Consellería de Política Social e á empresa DomusVi de ocultar o número de contaxiados nalgunhas das residencias que xestiona, así como a contratación de persoal sen experiencia, nin titulación. Unhas acusacións que nega de raíz a consellería que asegura que se está informando puntualmente de todos os contaxios.

Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Un traballador protexido é visto por un dos cristais da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo

Nun duro comunicado, Vellez Digna asegura na residencia DomusVi de Ribadumia, a practica totalidade dos residentes están contaxiados de COVID que isto se repite "pola falla de sancións por parte da Inspección de Politica Social ante anteriores contaxios e incumplimentos en materia de persoal e prevención". Así, asegura que "hai persoal de menos, sen enfermeira 24 horas ( incluso nesta situación de 90% de residentes contaxiados ) e con nula aplicación de protocolos preventivos, todo elo acrecentado pola patetica dirección desa residencia, e pola protección blindada que lle brinda a conselleira Fabiola, que so sae na prensa para defender as residencias, nunca as vitimas".

Por iso, esta entidade pediu o peche temporal da residencia ate que conte coas garantías mínimas de atención aos usuarios e cumpran as condicions legais para poder seguir aberta.

Por outra banda, critica que na residencia DomusVi de Aldan, "a día de hoxe nin se sabe cantos positivos hai, xa que a residencia e a Xunta, so fan probas aos residentes que presentan síntomas, para asi, ocultar as altas cifras reais do contaxio". Neste sentido, asegura que a "Covid circula libremente pola residencia" e que é só grazas ao efecto das vacinas que os contaxios non vaian a máis. 

CONDICIÓNS LABORAIS

Por outra banda, denuncia as condicions laborais de DomusVi que, di, "son tan indignas e abusivas que ninguen quere traballar para eles". "Por iso, agora a Xunta permite a esta empresa a contratación de persoal sin titulacion, nin experiencia, como figura no anuncio de emprego para a residencia DomusVi de Lalín".

"A partir de agora serán traballadores sin ningunha experiencia nin formación os que coiden dos nosos maiores nas residencias, na época da sua vida na que son mais fráxiles e precisan máis coidados", engade ao tempo que denuncia que a conselleira "só se arrime á prensa para defender a boa labor das residencias".

XUNTA

Pola súa banda, a Consellería de Política Social, en declaracións a Galicia Confidencial, asegura que nestes momentos non existen límites de visitas para os familiares, tal e como se pode comprobar no protocolo en vigor, que é público.

En relación á flexibilización dos requisitos para contratar persoal, apunta que "non é unha medida propia de Galicia, senón que se adoptou a nivel nacional". "A razón é a dificultade das residencias para cubrir as baixas laborais. A medida adoptouse a nivel nacional para garantir a continuidade do servizo", indica.

Finalmente, a consellería nega que non se informe do número de contaxios. "As residencias informan aos familiares da situación epidemiolóxica en cada centro, como é natural", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta