Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2022 | Actualizada ás 13:46
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, mostrouse crítico coa ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, por "abandonar" a idea de manter os postos de traballo de Ence na comarca en Pontevedra.
Así o sinalou despois de que a pasada semana, na súa visita a Galicia, a ministra apuntase a posibilidade de trasladar a fábrica pasteira de Lourizán a zonas que cualificadas como de transición xusta, en referencia á área das Pontes e a de Cerceda, afectadas o peche das centrais térmicas.
"Non parece nin serio nin xusto con Pontevedra que se abandone esa posibilidade e que se fale de novos investimentos noutros lugares sen tentar consolidar o que xa hai", declarou o vicepresidente primeiro este luns nun acto en Sanxenxo. Alfonso Rueda sinalou que "o primeiro hai que tentar é que eses postos de traballo que xa existen en Pontevedra, que se manteñan nesta comarca". O vicepresidente primeiro da Xunta insistiu en que "primeiro hai que consolidar o que hai e despois tentar que novos investimentos sexan tamén na comarca onde Ence ten as instalacións".
Unha vez máis, Rueda reiterou a súa aposta pola adscrición ao Porto de Marín dos terreos que ocupa actualmente Ence en Lourizán. Esta posibilidade permitiría sortear o problema creado polas sentenzas da Audiencia Nacional que anulan a prórroga da concesión de Costas a Ence na ría de Pontevedra. Se estes terreos de dominio público marítimo terrestre se adscriben ao ámbito portuario, deixaría de serlle aplicable a Lei de Costas e pasaría a depender directamente de Portos do Estado.
"Hai unha solución que ao goberno non lle gusta nada, nunca nos explica por que non é viable", dixo Alfonso Rueda. "Falan de antigos informes, pero hai un informe agora mesmo do Consello Consultivo que di que iso é posible, por tanto exploremos esa posibilidade".
Por último, Rueda insistiu en que "se hai novos investimentos que estean onde xa están, antes de explorar outras vías".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.