Existe relación entre o autismo e o uso de oxitocina durante o parto?

Un novo estudo realizado en España, participado polo Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, mostra que as persoas con autismo que naceron nun parto no que se lles administrou oxitocina ás súas nais tiveron un peor desenvolvemento dese trastorno que os que, coa mesma afección, non foron expostos ás hormonas ocitócicas. Con todo, “non podemos facer ningunha afirmación sobre se o uso de oxitocina aumenta ou non o risco de TEA”, din os científicos.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Nos últimos anos publicáronse informacións contraditorias sobre a relación entre o uso de oxitocina durante o parto e o trastorno do espectro autista (TEA). Estas contradicións débense á falta de suficientes evidencias científicas que demostren ou refuten definitivamente esa hipótese. Algúns estudos–os menos– suxeriron unha posible causalidade entre a utilización de oxitocina durante o parto e o autismo, mentres outros arroxaron resultados opostos e, ou negan esa relación, ou manteñen que non existe evidencia nin investigación suficiente para afirmar tal cousa. Fai falla máis investigación para chegar a un consenso científico e poder publicar titulares categóricos na prensa.

Imaxe dun parto en auga
Imaxe dun parto en auga | Fonte: UVigo.

O uso de oxitocina no paristallo relaciónase cun maior atraso no desenvolvemento intelectual e un inicio máis precoz dos síntomas de autismo nas persoas que padecen este trastorno

Nesta liña, un novo estudo realizado en España, con participación galega, apunta que o uso de oxitocina no momento do paristallo se relaciona cun maior atraso no desenvolvemento intelectual e inicio máis precoz dos síntomas de autismo, así como cunha maior frecuencia de variantes xenéticas raras asociadas ao TEA, pero non atopou unha relación causal entre a exposición á oxitocina durante o parto e unha maior prevalencia do trastorno do espectro autista.

Imos por partes. Primeiro, que é a oxitocina e por que se usa nalgúns partos? A oxitocina é unha hormona producida normalmente no cerebro que posúe un papel importante durante o paristallo e a lactación materna. Tamén é coñecida como a “hormona do amor” polo seu papel para mellorar o humor, interacción social, diminuír a ansiedade e aumentar o vínculo entre parellas.

No ámbito sanitario, inxéctase oxitocina sintética a mulleres parturientes para estimular o músculo liso do útero cara ao final do embarazo, durante o parto e despois deste. Neste período, o útero é máis sensible ao efecto da oxitocina, que aumenta a amplitude e a frecuencia das contraccións do útero. Utilízase fundamentalmente para a indución do parto en mulleres que o necesiten, estimulando as contraccións do útero no caso de que non se produzan naturalmente, e tamén en casos de hemorraxia tras o paristallo.

A investigación comparou os casos de 78 persoas con autismo que naceron nun parto inducido por oxitocina e 65 que non

O uso da oxitocina durante o parto espertou un grande interese na comunidade científica, que vén explorando a posible relación entre esta práctica e o desenvolvemento do autismo nos fillos das mulleres ás que se lles inxectou oxitocina. Pero segue sen haber consenso sobre se existe ou non esa causalidade. Barállase a hipótese de que a administración de oxitocina sintética durante o paristallo pode contribuír ao desenvolvemento do TEA por regulación negativa dos receptores de oxitocina no cerebro fetal. O novo estudo realizado en España non achega evidencias concluíntes que confirmen ou refuten isto, pero os seus resultados aportan datos que poden axudar a esclarecer a posible relación entre autismo e oxitocina.

PEOR DESENVOLVEMENTO COGNITIVO 

A investigación afonda na asociación entre a exposición á oxitocina durante o parto, a susceptibilidade xenética e o atraso xeral do desenvolvemento en suxeitos con TEA. En concreto, os investigadores analizaron os casos de 143 persoas diagnosticadas con TEA con información obstétrica materna, datos xenéticos e características clínicas, que inclúen información sobre a competencia cognitiva e a gravidade dos síntomas do autismo de cada individuo.

Do total de casos analizados, todos diagnosticados de autismo, 78 naceron nun parto inducido por oxitocina e 65, non. A idea era comparar os datos de ambos os dous grupos, para comprobar se había diferenzas entre eles na evolución e características do trastorno autista.

Os resultados mostran que os individuos con autismo que naceran nun parto no que as súas nais recibirán oxitocina tiveran máis complicacións obstétricas, un inicio máis precoz dos síntomas de TEA, peor desenvolvemento cognitivo, maior carga de mutación nos xenes de neurodesenvolvemento e menor transmisión de risco polixénico de TEA, isto é, a avaliación do risco dunha afección específica tendo en conta a influencia colectiva de moitas variantes xenéticas, entre elas, variantes asociadas a xenes con funcións coñecidas e variantes que non se sabe que estean asociadas a xenes relevantes para a afección; é, en definitiva, o risco provocado por múltiples variantes xenéticas comúns en conxunto, cuxo impacto por si soas é moi baixo; ou dito doutro xeito, respecto ao risco polixénico, o desenvolvemento do TEA neses casos estaría ligado ao desenvolvemento de mutacións xenéticas novas e que, polo tanto, se presentan por primeira vez nun membro da familia.

O que “non está claro” aínda é que exista unha relación entre o uso de oxitocina no parto e o risco de autismo

Nos últimos anos houbo enormes avances en secuenciación e análises do xenoma, o que está a axudar a configurar unha imaxe do panorama xenético dos trastornos do espectro autista. Diversas investigacións mostraron que o maior risco de sufrilo é polixénico, pero algúns casos están asociados con variantes xenéticas raras, xeralmente novas.

O que “non está claro” aínda é que exista unha relación entre o uso de oxitocina no parto e o risco de autismo, e a natureza desta relación”, expoñen os autores da nova investigación.

Con todo, este estudo suxire que o uso da oxitocina “parece constituír un indicador de risco máis que un factor de risco para o TEA, o cal é relevante para o asesoramento diagnóstico e xenético”, resaltan os autores da investigación.

O risco é a probabilidade de ocorrer que ten un evento de saúde negativo, neste caso, o TEA. O indicador de risco é un indicador epidemiolóxico da probabilidade que ten cada un dos individuos dunha poboación de presentar un determinado evento de saúde negativo. E o factor de risco é unha característica ou atributo dunha variable, ou unha situación ou condición identificable presente nun individuo ou nunha poboación e que determina neste ou aquela unha maior probabilidade de ocorrencia dun evento de saúde negativo que a que teñen aquel individuo ou poboación que non as presentan.

“Os individuos con TEA expostos á oxitocina durante o parto caracterizáronse non só por unha menor competencia cognitiva e un inicio precoz dos síntomas, senón tamén por unha maior probabilidade de ter unha mutación nos xenes fortemente implicados no neurodesenvolvemento precoz. Pola contra, os participantes con TEA que non estiveron expostos á oxitocina caracterizáronse por mellores capacidades cognitivas, unha maior transmisión polixénica dos alelos TEA [trastorno do espectro autista] e TDAH [trastorno por déficit de atención e hiperactividade] e unha maior probabilidade de ter unha mutación nova”, explican os científicos.

DÚBIDAS

Como lembran estes autores, a literatura científica que relaciona a exposición á oxitocina durante paristallo e o autismo “non é consistente” nos seus resultados e “o efecto da asociación parece débil”.

“Necesítanse moitos deseños de estudos diferentes, estudos mecanicistas e un maior diálogo entre obstetricia e neurociencia para facer un progreso significativo na comprensión das relacións entre os factores obstétricos e o risco de TEA”, subliñan estes investigadores.

"Non podemos facer ningunha afirmación sobre se o uso de oxitocina aumenta ou non o risco de TEA"

Cos datos presentados neste estudo, os seus autores recoñecen: “Non podemos facer ningunha afirmación sobre se o uso de oxitocina aumenta ou non o risco de TEA. Non obstante, mostramos que ao estudar tal asociación é necesario ter en conta a presenza de complicacións obstétricas e marcadores precoces de desenvolvemento anormal. De feito, neste estudo, informamos dunha asociación entre a exposición á oxitocina durante o parto e outras complicacións obstétricas”.

Isto débese, fundamentalmente, a que non se incluíron no estudo os casos de suxeitos expostos á oxitocina durante o paristallo, nin irmáns sen diagnóstico de autismo, nin grupo de control. “Polo tanto, no noso estudo non é posible unha comparación directa do risco de TEA asociado ao uso de oxitocina durante o parto”, asumen os autores.

Os científicos suxiren que detrás das asociacións informadas nestes casos pode haber “un factor xenético que predispón tanto as complicacións obstétricas como a alteración do neurodesenvolvemento”.

Á marxe, proseguen, “sobra dicir que hai que ter precaución no uso da oxitocina para a indución do parto, xa que se demostrou que existe unha asociación entre o uso de oxitocina e a hiperestimulación uterina que pode ter consecuencias adversas sobre o resultado do parto e, posteriormente, no desenvolvemento dos cativos”.

Os resultados deste estudo veñen de ser publicados na revista científica Journal of Autism and Developmental Disorders e están asinados por investigadores do Instituto de Psiquiatría y Salud Mental do Hospital Gregorio Marañón (Madrid), da Facultade de Medicina da Universidad Complutense (Madrid), do Instituto de Investigación Sanitaria Gregorio Marañón (Madrid) e do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS), no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).

“É POUCO PROBABLE”

Un dos estudos máis amplos, sonados e recentes sobre a posible relación entre a oxitocina e o autismo publicouse en 2020. A investigación realizouse con datos de nenos daneses e finlandeses sobre a posible asociación entre a oxitocina sintética e o trastorno de déficit de atención e hiperactividade (TDAH) e trastorno de espectro autista (TEA).

O estudo realizado en Dinamarca e Finlandia apunta que "é pouco probable" unha asociación causal entre esa práctica e padecer autismo. 

Apoiándose nos seus resultados, os autores do estudo afirmaron que "é pouco probable" unha asociación causal entre esa práctica e padecer autismo. "Os nosos resultados axudan a acougar as preocupacións sobre o uso obstétrico de oxitocina que causa TDAH ou TEA", afirmaron.

Para realizar este estudo, os investigadores utilizaron os rexistros nacionais de Dinamarca, onde seguiron aos nados entre os anos 2000 e 2010 (577.380), e de Finlandia, onde seguiron aos nados entre 1991 e 2010 (945.543) ata o 31 de decembro de 2015.

“A oxitocina usouse no 31 e o 46 por cento dos partos en Dinamarca e Finlandia, respectivamente. Axustando os factores de risco –o axuste por ano de nacemento, idade materna, educación, estado civil, paridade, tabaquismo no embarazo, indución do parto, idade xestacional e crecemento intrauterino– o aumento da posibilidade de que o cativo tivese TDAH foi de 1,03, e de 1,05 para TEA. Os resultados foron similares en todo o país e por xénero", aseguraron.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

teño entendido que Anxo Carracedo https://es.wikipedia.org/wiki/%C3%8... leva algúns anos investigando arredor do TEA pero ignoro os resultados da investigación (?) Sería boa cousa facerlle unha entrevista sobre este asunto ! É un home bo e xeneroso e sermpe disposto a colaborar na difusión da Ciencia !