Convocadas subvencións por valor de 210.000 euros para as novas edicións dos festivais audiovisuais

Poderán solicitarse ata o 11 de febreiro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2022 | Actualizada ás 18:35

Comparte esta noticia

A Xunta convocou as axudas para a organización dos festivais audiovisuais en Galicia, cun importe de 210.000 euros, como se recolle nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). A dotación para 2022 supón un incremento do 5 por cento con respecto á do ano anterior, que era de 200.000 euros.

As axudas están convocadas en réxime de concorrencia competitiva e diríxense a asociacións, empresas e entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022.

Os interesados teñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas propostas e deben facelo prioritariamente a través da sede electrónica da Xunta (código de procedemento CT215B). Entre os requisitos esixidos, atópase a duración mínima de catro xornadas, con 20 proxeccións e realizar un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. A programación debe conter o 5 por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.

Estas axudas forman parte do "compromiso" co impulso do sector audiovisual, "consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social", facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos, á vez que son "motores" da dinamización. Trátase da primeira das convocatorias do programa anual de subvencións dirixidas especialmente ao sector audiovisual para 2022.

AXUDAS DE 2021

As axudas para 2021 resolvéronse en xuño sendo o Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui (36.930,96 euros), o Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela (36.240,05 euros), (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña (29.624,56 euros) e o Festival de Cans de Curtametraxes, no Porriño, (28.419,73 euros) as citas cinematográficas que concentran a maior parte das axudas que a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic). Concreamente, a Xunta destinou 200.000 euros a 14 citas cinematográficas.

Tamén recibiron axudas o Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (16.984,10 euros); o Festival Carballo Interplay (14.584,09 euros); Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra (9.949,08 euros); a 43ª Semana de Cinema de Lugo (7.350,09 euros); a Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea, na Coruña, (7.042,72 euros); a MICE-Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, (5.171,44 euros); o 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Verín (3.220,89 euros); e os eventos que se celebran en Vigo: V Festival de Cinema Inclusivo (2.239,77 euros), Festival Primavera do Cinema (1.376,07 euros) e Galician Freaky Filme Festival (866,45 euros).

Arquivo - Festival Play-Doc celébrase en Tui do 13 ao 17 de marzo. FESTIVAL PLAY-DOC - Arquivo
Arquivo - Festival Play-Doc celébrase en Tui do 13 ao 17 de marzo. FESTIVAL PLAY-DOC - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta